Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación impulsa a investigación histórica da provincia colaborando coa publicación sobre o mosteiro de Ferreira de Pallares

Imaxe deputación de lugo
- Trátase da publicación que resultou vencedora na VIII edición do Certame de Investigación Condado de Pallares no ano 2014
- García Porto destacou “a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, historia e patrimonio”
- O Certame aposta pola investigación de diferentes aspectos cinguidos ao ámbito territorial das cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares: Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este venres na presentación do libro O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa Ferrería, do autor José Ángel Santos Núñez. Este foi o traballo gañador da VIII edición do Certame de Investigación Condado de Pallares que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e coa que colabora a Deputación. A presentación tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Guntín.

No acto tamén participou o autor do libro, José Ángel Santos Núñez, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, o Alcalde do Concello de Taboada, Ramiro Moure Ansoar, o  Alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, o Alcalde do Concello de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, o Presidente da Asociación de Amigos o Mosteiro de Ferreiro de Pallares, Carlos Vázquez García e o representante de ABANCA.

García Porto destacou “a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, historia e patrimonio, unha riqueza que non podemos permitir que desapareza. É necesario colaborar de xeito conxunto entre as administracións públicas no eido da investigación porque crea valor engadido na nosa provincia”.

Jose Ángel Santos Núñez, autor do libro, agradeceu a colaboración da Deputación e destacou a importancia que ten a participación das administracións públicas con este tipo de iniciativas culturais, “xa que axudan a poñer en valor a divulgación da cultura nestes ámbitos, pois en Galicia temos moitas edificacións deste estilo”.

O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa Ferrería
O  libro presenta un estudo arquitectónico, construtivo, histórico e gráfico sobre o Mosteiro de Ferreira de Pallares, así como a evolución arquitectónica e histórica en cada período, a través da correspondente investigación e recuperación de documentos.  Así mesmo, a obra presenta unha hipótese arquitectónica da época na que a Ferrería estaba en funcionamento.

X  Edición do Certame
O Certame de Investigación Condado de Pallares, que se celebra xa por décimo ano consecutivo, aposta por temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. Nesta última edición a gañadora foi Tamara González López, pola súa obra Apadriñamento e bautismo no suroeste de Lugo: Carballedo e Chantada (S.XVI a XIX).

Máis colaboracións
O Goberno da Deputación colabora activamente coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. Só no 2016 destinouse preto de 4.300 euros para o Certame de Investigación Condado de Pallares, a exposición dos paneis sobre a evolución arquitectónica do Mosteiro de Ferreira de Pallares e tamén coa Feira de Artesanía de Ferreira de Pallares, un evento xa consolidado na provincia.