Deputación de Lugo

O Festival Resurrection Fest deixa na Mariña beneficios de 10.2 millóns de euros

- Darío Campos, María Loureiro e Iván Méndez destacaron o éxito desta cita que congregou a máis de 80.000 persoas superando todas as expectativas - Lembrou que a Deputación de Lugo, con 130.000 euros, e Concello de Viveiro son as administracións públicas que máis invisten para promover este Festival - Campos Conde tivo unha lembranza para o ex – Alcalde, Melchor Roel “apostou como ninguén por esta celebración, hoxe estaría orgulloso de todos vós”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro e os organizadores do Resurrection Fest, Iván e David Méndez, deron conta este xoves dos resultados económicos da XI Edición do festival, que tivo un retorno económico de aproximadamente 10.250.000 euros. Por iso, Campos Conde lembrou que os 130.000 euros que investiu a Deputación neste evento serviron para impulsar e promover economicamente a Comarca.
Campos Conde salientou que esta edición, a de maior éxito de participación, “acolleu máis de 80.000 persoas, superándose todas as expectativas. O índice de ocupación hoteleira na Comarca da Mariña acadou o 100%,  non só no  Concello de Viveiro, senón en todos os concellos limítrofes”. Vendéronse todas as entradas, e visitaron a provincia persoas de 36 países como Xapón, Indonesia ou México.
O Resurrection Fest xa é o festival de música máis grande de toda Galicia; o festival de música hardrock e metal máis importante de España, así como un dos referencia no ámbito internacional. Durante a celebración desta edición o Resu foi trending topic nas redes sociais. Hai que ter en conta que a Deputación de Lugo e Concello de Viveiro son as administracións que máis invisten para promover e promocionar este Festival.
Campos Conde adicoulle unhas verbas tamén ao ex–Alcalde Melchor Roel, “pois foi él quen apostou por este festival. Hoxe estaría orgulloso de ver o seu no que se converteu o Resurrection”.
María Loureiro remarcou que “este Festival xa forma parte da nosa historia” e agradeceu a todos os organismos implicados: policía, garda civil, protección civil, policía portuaria, servicios médicos e a cidadanía en xeral, a súa colaboración. “Os veciños de Viveiro tamén son unha peza importante para  éxito deste festival”, resumiu.
Os organizadores do Festival agradeceron a todos os organismos e administracións públicas a súa colaboración. “Nunca pensamos que iamos chegar a onde chegamos, e 10 anos despois podemos dicir que é o Festival máis grande de Galicia e un dos máis grandes de España”.