Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación arranxa con 190.000 euros a estrada de Conturiz a O Páramo

- Campos Conde e Fernández Méndez supervisaron hoxe as melloras que executa o Goberno Provincial nesta vía a petición dos veciños, beneficiando de xeito directo aos 150 residentes nos núcleos da zona, así como a veciños de O Corgo e O Páramo - Esta estrada é o acceso a Conturiz, Airexe, San Xoán de Pena, Lavandeira e Albares (Concello de Lugo), Chamoso, Pousada ou Quinte (O Corgo), ao municipio paramés ou a lugares turísticos como a Fervenza, na Reserva da Biosfera Terras do Miño

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este venres as obras de mellora do firme que o Goberno Provincial puxo en marcha na estrada LU-P-2904 de Conturiz a O Páramo, con 189.677 euros.

O Executivo lugués finalizou os traballos de limpeza de cunetas e puxo en marcha os de aglomerado en quente para, posteriormente, levar a cabo as labores de pintado e sinalización horizontal e vertical. Con estas actuacións, o Goberno Provincial rehabilita os tres primeiros quilómetros desta estrada, dende a rotonda da Nacional VI, onde se sitúa o Hotel Torre de Núñez, ata a ponte da Autovía A-54.

Campos Conde explicou que “con estas obras respondemos ás peticións dos veciños, que solicitaron a mellora desta estrada posto que presentaba un firme deteriorado polo tránsito fluído de coches e tamén de camións. Hai que ter en conta que esta vía dá acceso, entre outras instalacións, á nova depuradora de auga do Concello de Lugo. Tamén é habitual o tránsito de vehículos agrícolas como tractores, cisternas e remolques debido as explotacións gandeiras que se sitúan na zona, o que provoca o desgaste do firme, que con estas obras se verá totalmente renovado”.

Beneficiados
Estas actuacións benefician directamente a preto de 150 veciños dos núcleos poboacionais de Conturiz, Airexe, San Xoán de Pena, Lavandeira e Albares, no Concello de Lugo. Porén, tamén se verán beneficiados núcleos pertencentes ao Concello de O Corgo, posto que esta vía é un dos accesos principais a lugares como Chamoso, Pousada ou Quinte, entre outros. Así como aquelas persoas que seguen a utilizar a estrada para chegar ao Concello de O Páramo.

Cómpre sinalar que durante as fins de semana e festivos, esta vía tamén é moi frecuentada polos turistas que se achegan a visitar a Fervenza, unha das paraxes naturais únicas enmarcada na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e máis próxima a capital luguesa, dado que se atopa a media hora do centro urbano.