Deputación de Lugo

A Deputación garante aos veciños realizar trámites por Internet con 66 Concellos, achegando 300.000 euros

- A Xunta de Goberno aprobou os 66 convenios do Plan das TIC´s ao que sumaron outros tantos municipios para cumprir coa novas leis tecnolóxicas - Estes fondos garantirán sedes electrónicas, rexistro telemático, sinatura dixital, interoperabilidade entre administracións ou coñecer o estado dos trámites cun só clic - Rivera Capón amosou as facilidades para que os veciños interactúen co seu Concello por Internet tras os avances que supuxo o Innova-TE  na provincia neste eido

O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno os 66 convenios cos 66 Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes do Plan das TIC´s. É a programación de cooperación cos municipios e obxectiva a través da cal o organismo provincial concede ás entidades locais fondos para que cumpran coas leis do Procedemento Administrativo Común e de do Réxime Xurídico do Sector Público.

Estas normativas obrigan aos Concellos a contar con sedes electrónicas, rexistro telemático, sinatura dixital, así como ter dixitalizada toda a documentación ou garantir a interoperabilidade entre administracións. É dicir, que entre as mesmas custodien e compartir a información dos cidadáns para non terse que presentar reiteradamente. Ademais, os cidadáns poderán saber en que punto se atopa o seu trámite cun só clic, sen necesidade de desprazarse á administración.

Que supuxo o Innova-TE
Tras os avances que supuxo o Innova-TE nos 47 municipios que decidiron sumarse a este programa tecnolóxico da Deputación, o Goberno Provincial só ten que achegar 300.000 euros aos Concellos para que cumpran con estas leis.

O Executivo decidiu distribuír estes fondos con criterios totalmente obxectivos (densidade de poboación, superficie, esforzo fiscal e núcleos poboacionais), facendo que os municipios reciban entre 3.300 euros e 9.000 euros. 

Así o informou o vicevoceiro e Deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, que mostrou o funcionamento dunha das sedes electrónicas posta en marcha a través do Innova-TE para exemplificar o que poderán facer os veciños dos 66 Concellos que se sumaron ao Plan das TIC´s antes de finais de ano.

Rivera Capón accedeu a unha das sedes electrónica creada ao abeiro do Innova-TE, concretamente á da Pontenova, que permite aos veciños pedir por Internet unha licenza de obra menor, subvencións, ocupación de vía pública..., entre outros trámites.

De toda a ampla oferta, o Deputado solicitou un certificado de empadroamento. Para esta solicitude é imprescindible dispor dun certificado dixital ou do DNI electrónico. A continuación, e de xeito completamente automático, o portal municipal creou un número de rexistro, informando ao traballador público da solicitude realizada. A través un código de barras o cidadán coñece en que punto se atopa a súa petición.

Non só sedes electrónicas
A través do Innova-TE, o Goberno Provincial non só levou ás sedes electrónicas, portais web ou a banda longa aos Concellos, senón tamén os dotou de equipamento, ofreceu formación aos traballadores públicos e levou a cabo campañas de sensibilización cidadá. Os fondos deste programa tecnolóxico fixeron posible, ademais, a creación do primeiro Centro de Innovación Social (In Lugo), que ofrece formación gratuíta sobre novas tecnoloxías a unha media anual de 3.000 maiores da provincia; así como do Portal de Transparencia ou a factura electrónica, entre outras moitas iniciativas.