Deputación de Lugo

Deputación, Concello e ANASBABI darán visibilidade ás enfermidades raras cun abrazo solidario á muralla

Imaxe deputación de lugo
Ademais do abrazo, haberá instalada unha carpa informativa na praza Anxo Fernández Gómez, na que se ofrecerá información á cidadanía sobre este tipo de enfermidades, que afectan en Galicia a 300.000 persoas

Deputación, Concello de Lugo e a Asociación Nacional de Ciclopatías (ANASBABI) darán visibilidade ás enfermidades raras a través dun abrazo solidario á muralla luguesa, que terá lugar mañá, 7 de setembro.

Todas as persoas queiran participar neste acto reivindicativo en defensa deste tipo de enfermidades deberán achegarse mañá ás 17:00 horas á Porta de Bispo Aguirre.

A Deputación colabora na difusión da xornada, así como a través da Fundación TIC, que gravará toda a xornada e elaborará unha reportaxe sobre este “abrazo solidario”, co fin de achegar á cidadanía a problemática das persoas que sofren algunha enfermidade rara.

Dende os colectivos afectados demandan un maior compromiso na investigación deste tipo de enfermidades, tanto a nivel de prevención como paliativo. Cómpre destacar que en Galicia son máis de 300.000 as persoas que sofren algunha destas enfermidades.

Campaña informativa
Mañá mesmo, a Asociación Nacional de Ciclopatías instalará na praza Anxo Fernández Gómez unha carpa informativa. Nela, ANASBABI, en colaboración con outras asociacións de doentes, ofrecerá información á cidadanía sobre este tipo de enfermidades, que en España sofren ao redor de 3 millóns de persoas.