Deputación de Lugo

O Goberno aproba novos investimentos de 236.000 euros para máis melloras en dotacións públicas municipais de Begonte, Outeiro de Rei e Guntín

Imaxe deputación de lugo
- O Executivo da Deputación acordou achegar 79.400 euros ao acondicionamento de novos accesos municipais de Guntín, 72.000 euros ao arranxo do Consistorio de Begonte e 84.500 euros a máis melloras na ETAP de Outeiro de Rei - O Goberno tamén aproba investir outros 17.000 euros no arranxo dun vial municipal do Páramo; e 18.000 euros na reparación da casa escola de Carballido, en Begonte -  Resolta a contratación de 3 desempregados lucenses que comezarán a traballar a través do Ben Empregado en establecementos de Meira, Castroverde e O Incio

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno novos investimentos por valor de 236.000 euros para financiar máis melloras en dotacións públicas municipais de Begonte, Outeiro de Rei e Guntín. Así o informou hoxe o voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos.
En Guntín son 79.400 euros para o arranxo de accesos a núcleos rurais. O Concello colabora cunha achega de 4.200 euros. Este investimento procede de remanentes dos traballos que se están a levar a cabo na actualidade en 8 vías municipais con outros 216.000 euros da Deputación. Trátanse dos accesos dende a N540 a Trastulfe, Sear a Vilarcabreiro, Zolle a Fontao, Cadairo a Vigo de Zolle, Pradeda a Quintá, Gomelle a Lamela, O Picato a Bustelo e Mosteiro a Outeiro.
En Begonte son 72.000 euros para a rehabilitación do Consistorio. O Concello achega outros 30.000 euros. Con este investimento, substituirase a escaleira interior e a cuberta, dotándoa de pizarra; instalarase un ascensor, e mellorarase o sistema de canalización de augas fluviais.
E en Outeiro de Rei son 84.500 euros cos que a Deputación financia novas actuacións na estación de tratamento de auga potable municipal (ETAP). O Concello colabora con outros 15.000 euros. Con este novo investimento construirase un novo depósito de auga e bombeo, e levaranse a cabo melloras no sistema de tratamento de augas e no de seguridade desta instalación. Esta nova achega da Deputación, súmase aos preto de 320.000 euros provinciais cos que se están a executar as obras de ampliación da ETAP.
Máis investimentos no Páramo e en Begonte
O Goberno da Deputación aprobou iniciar a contratación de novas obras de mellora na estrada de San Vicente, Quintela a Pinte, no Concello do Páramo, por valor de 17.000 euros. Este orzamento é de remanentes dos traballos que xa se están a levar a cabo nesta vía, con outro 65.000 euros da Deputación. “Polo tanto, sumamos un total de 82.000 euros de investimento no arranxo deste vial municipal”, remarcou Santos.

O Executivo Provincial aprobou achegar 18.000 euros á Asociación de Veciños de Carballido, no Concello de Begonte, para o arranxo da casa escola. Con este orzamento da Deputación, reporase a cuberta e levaranse a cabo traballo de carpintería no exterior desta instalación.

Emprego
O Goberno da Deputación resolveu a contratación de 3 desempregados lucenses, que comezarán a traballar a través do Ben Empregado como peón gandeiro en Castroverde, camareiro en Meira e especialista en rehabilitación de pedra granítica no Incio.