Deputación de Lugo

O Goberno dá conta ao Pleno da creación dun grupo de traballo para a integración da TIC na Deputación

Imaxe deputación de lugo
-Este equipo estará integrado por técnicos dos servizos de intervención, recursos humanos e xurídicos da Deputación e da TIC e terá un prazo máximo de dous meses para emitir un ditame
-O estudo será presentado aos representantes dos traballadores das dúas entidades logo de que en agosto todos os empregados da Fundación fosen informados do inicio do proceso
-A integración da TIC é froito da política de transparencia e racionalización de recursos iniciada polo Goberno coa disolución do INLUDES e a Fundación Tor

O Goberno dará conta este martes ao Pleno da Corporación Provincial da creación dun grupo de traballo para a integración da Fundación TIC na estrutura da Deputación. Este equipo, formado por técnicos dos servizos de intervención, recursos humanos e xurídicos das dúas entidades, terá un prazo máximo de dous meses para emitir un informe que, unha vez elaborado, se presentará aos representantes dos traballadores da TIC e da Deputación.

O equipo de traballo emitirá un ditame sobre as alternativas existentes e as consecuencias xurídicas e orzamentarias da integración. No caso de que esta no sexa posible, habilitará os mecanismos xurídicos necesarios para establecer unha igualdade nas condicións de traballo do persoal da TIC e da Deputación.

Este paso dáse logo da reunión mantida entre membros do equipo de Goberno con todos os traballadores da Fundación TIC para informalos da decisión dos responsables provinciais de integrar a TIC na Deputación. Nese mesmo encontro, anunciouse que, como paso previo á adopción de calquera medida, realizaríanse os estudos necesarios para analizar todos os posibles escenarios que se podan presentar ao longo do proceso.

Transparencia, racionalización e optimización de recursos
A decisión de integrar a Fundación TIC na Deputación forma parte da política de transparencia e de racionalización da administración promovida polo Goberno provincial co obxectivo de optimizar recursos materiais e humanos, evitar duplicidades administrativas, reducir gastos correntes e garantir unha maior eficiencia. Seguindo estes mesmos criterios, a Deputación procedeu xa á disolución do INLUDES e a Fundación Tor.