Deputación de Lugo

Aberta a solicitude para que os artesáns participen no Mercado de Nadal da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- En www.deputacionlugo.gal está publicada toda documentación necesaria, que os interesados deberán presentar ata o 3 de decembro inclusive - Poderán participar un mínimo de 12 profesionais e un máximo de 24, pois conta con 12 casetas que poden compartirse. Está aberto a todos os artesáns con carta oficial - Inclúe a celebración de múltiples actividades e demostracións para potenciar a comercialización de produtos artesanais e dinamizar o comercio

A Deputación mantén aberto ata o 3 de decembro inclusive o prazo de solicitude para que todos os artesáns que o desexen participen no Merca en Lugo polo Nadal. É o mercado que organiza o organismo provincial durante estas datas na Praza de San Marcos para potenciar a comercialización de produtos artesanais e dinamizar o comercio, pois esta iniciativa inclúe, ademais, a celebración de múltiples demostracións e actividades no centro da cidade para persoas de todas as idades.

En www.deputacionlugo.gal está publicada toda a documentación necesaria, que os interesados deberán presentar no Rexistro Provincial ou a través das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das institucións públicas.

No mercado poderán participar un mínimo de 12 profesionais e un máximo de 24, pois conta con 12 casetas que poden compartirse. Merca en Lugo polo Nadal está aberto a todos os profesionais que conten coa carta oficial de artesáns.

Para a súa selección, valorarase a calidade do proxecto; as demostracións que ofrezan aos cidadáns, a antigüidade da carta de artesán; a innovación técnica; o emprego de materiais autóctonos e ecolóxicos; a identificación coa zona de procedencia en relación ás pezas elaborados; o deseño do posto; a incorporación á marca Artesanía de Galicia, entre outras cuestións.

O mercado abrirá o 16 de decembro e permanecerá ata o 5 de xaneiro. (Pechará os días 25 de decembro e 1 de xaneiro). Os horarios serán de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas (o 24 e 31 de decembro o horario de tarde será de 16:00 a 18:30 horas).