Deputación de Lugo

Nomeada ao Mellor Documental nos Premios Mestre Mateo a longametraxe Pelerinaxes, coa que colabora a Deputación

- O organismo provincial colaborou cunha achega económica de máis de 17.000 euros para a realización, difusión e promoción da película polosconcellos da provincia
- O filme, inspirado no libro "Pelerinaxes I", fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido

A Deputación de Lugo colaborou na longametraxe Pelerinaxes, nomeada na categoría Mellor Documental da XV edición dos Premios Mestre Mateo que organiza a Academia Audiovisual Galega. O Goberno da Deputación contribuíu cunha achega económica de máis de 17.000 euros para a realización, difusión e promoción desta película por toda a provincia. Este ano a gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 4 de Marzo noPalacio de Exposicións e Congresos da Coruña.

Pelerinaxes abriu o #CulturaAberta da Deputación no pasado mes de xullo, unha iniciativa do organismo provincial na que se ofreceron máis de 30 actividades lúdicas e culturais, completamente gratuítas, para persoas de todas as idades, durante os meses de verán. Ademais, o filme proxectouse nos Concellos de Rábade, Monterroso, Carballedo, Begonte, Antas de Ulla, Chantada, Outeiro de Rei, Vilalba, Palas de Rei e Lugo, municipios polos que transcorre Pelerinaxes.

Pelerinaxes
Esta película, inspirada no libro "Pelerinaxes I", fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo Andrés de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña.

A longametraxedirixida polo director italo-galego Simone Saibene, está protagonizada pola actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto cun compañeiro. O reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco.

Academia Galega do Audiovisual
A Academia Galega do Audiovisual é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa a creadores e profesionais do audiovisual galego: cine, multimedia, publicidade, televisión e vídeo. Creada o 30 de Maio de 2002, actualmente a Academia Galega do Audiovisual reúne a máis 250 profesionais que traballan nas diversas especialidades do sector. A misión da asociación é a de fomentar o desenvolvemento das artes e das ciencias relacionadas directa ou indirectamente co audiovisual en Galicia, promovendo e defendendo a imaxe pública do conxunto dos profesionais do sector.