Deputación de Lugo

Chega á Praza Maior a festa da literatura coa 35 edición da Feira do Libro

Un total de 13 stands forman a oferta desta edición da feira do libro, que abrirá as súas portas mañá e terá lugar ata domingo, en xornada de mañá como de tarde. Ademais conta cunhas 30 actividades para todos os públicos

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, á Xefa de Coordinación de Cultura da Xunta, María José Gómez, e aos presidentes da Federación e Asociación de Libreiros de Galicia e Lugo, Pilar Rodríguez e Carlos Coira, respectivamente, presentaron este luns, na Biblioteca do Vello Cárcere, a 35ª edición da Feira do Libro de Lugo, que arrincará mañá martes, e terá lugar ata domingo, en xornada de mañá e tarde, na Praza Maior.

García Porto subliñou a colaboración do Executivo Provincial coa Feira do Libro de Lugo e de toda a provincia, realizando unha achega de 3.000 euros, co obxectivo de enxalzar "un evento de gran tradición en Lugo, co obxectivo de apoiar e impulsar o traballo que realizan os libreiros, na nosa provincia. Quero pór en valor este tipo de iniciativas que achegan á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como é a literatura, ao mesmo tempo que impulsamos un sector tan importante como o editorial".

Durante a presentación da nova edición desta feira, que en Lugo coincide coa celebración das Letras Galegas, Carmen Basadre subliñou a importancia desta cita, "para expoñer, difundir e dar a coñecer todo o que ten que ver coa lectura e co libro". A edil convidou a toda a cidadanía a achegarse a esta feira, que se suma a outros actos organizados polo Concello para conmemorar o 17 de maio, un concerto dos orfeóns e corais da cidade, unha conferencia, ou un festival de danza, entre outras. Así mesmo, amosou o apoio da entidade local aos libreiros e libreiras da cidade.

Pola súa banda, Federación e Asociación de Libreiros agradeceron a colaboración institucional para "converter, cada vez máis, a feira nunha festa".

13 stands
Un total de 13 stands forman a oferta cultural da 35 edición da Feira do Libro, tanto de Lugo como de Galicia. Este evento conta ademais cun programa formado por máis de 30 actividades dirixidas a un público de todas as idades, como danza, presentacións de libros, obradoiros ou conferencias. Ademais, haberá sinatura de exemplares por parte de Rocío López, Aída Soilán ou Pablo Núñez.

A maiores das casetas das librerías, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros, a Deputación tamén instalará un stand con publicacións editadas polo organismo provincial, e a Fundación TIC, gravará a feira para promover e difundir o evento por toda a provincia.