Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promociona o traballo de ASPNAIS editando o libro 50 anos facendo familia

- Santos Ramos, Fernández Méndez, Reigosa García e Xulio Xiz presentaron este mércores a publicación que repasa a historia e traxectoria de ASPNAIS na provincia - O Deputado de Relacións Institucionais destacou que “dende o Goberno da Deputación queremos agradecer o traballo que levades a cabo para que moitos veciños da provincia de Lugo teñan unha integración social, educativa e laboral” - As familias,  os profesionais que a integran ou o voluntariado son algúns dos temas, que acompañados de imaxes e recortes de prensa, forman este exemplar

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Concelleiro de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o Presidente da Asociación de Padres o Tutores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, José Reigosa García; e o escritor Xulio Xiz Ramil presentaron este mércores no Pazo de San Marcos Apsnais, 50 anos facendo familia. Tratase da publicación que recolle a historia e traxectoria deste colectivo social, que editou o Goberno da Deputación.

Santos Ramos felicitou a ASPNAIS polo seu aniversario e subliñou que “hai 50 anos, non se falaba de igualdade, nin de oportunidades. Hoxe, grazas ao voso compromiso, moitos veciños da provincia de Lugo teñen unha integración social, educativa e laboral. Dende o Goberno da Deputación estamos orgullosos das nosas colaboracións con vós, como a cesión gratuíta das instalacións do antigo hospital de San José, que permitirá duplicar as vosas prestacións ao tempo que poñemos en valor o patrimonio público; así como que sexan os propios usuarios de ASPNAIS os artífices dos obsequios institucionais da Deputación, facendo que o voso traballo represente á nosa provincia.”

Fernández Méndez agradeceu a invitación á presentación deste exemplar e insistiu na importancia de que as administracións públicas “estean unidas e colaboren para ofrecer ferramentas que conleven máis igualdade e xustiza na sociedade actual.”

O Presidente de ASPNAIS destacou que “hoxe é un día moi especial, pois este libro é parte de todos os que estamos aquí reunidos” e lembrou que ASPNAIS “é filla da Deputación, pois naceu nesta casa fai 50 anos, un fogar que nos protexeu e nos apoiou dende sempre, e que nos últimos anos nos coida máis.”

Xulio Xiz, agradeceu a colaboración do organismo provincial e apuntou que “este libro fai un repaso de todo o traballo que leva feito a asociación durante o medio século de vida.”

ASPNAIS, 50 anos facendo familia, é un libro do escritor lucense Xulio Xiz, no que se recolle todo a historia da asociación lucense, dende a fundación de ASPNAIS ata a actualidade. Os usuarios e as familias,  os profesionais que a integran, o voluntariado, ou as viaxes realizadas, son algúns dos temas, que acompañados de imaxes e recortes de prensa, configuran este exemplar.

Máis colaboracións con APSNAIS
A colaboración co libro 50 anos facendo familia, súmase a outros proxectos conxuntos do Goberno da Deputación e ASPNAIS. Por exemplo, a que manteñen para contribuír ao programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual. Outra das axudas máis significativas foi que o Executivo Provincial decidiu ceder gratuitamente o antigo Hospital de San Xosé, co que ASPNAIS, poderá atender ata 300 persoas con capacidades diferentes. Neste espazo, que conta con 10.000 metros cadrados, a asociación poderá atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar ata entre 65 e 70 as prazas residenciais. Ademais, os obsequios institucionais da Deputación son pezas artesanais elaboradas polos propios usuarios de ASPNAIS nos obradoiros de carpintería e cerámica que promove e acolle este colectivo social.