Deputación de Lugo

25 coches clásicos percorrerán a provincia co V Rally Turístico Terras do Incio, co que colabora o Goberno da Deputación

- O Executivo Provincial colabora con 3.000 euros con este roteiro turístico-deportivo dentro da súa aposta polo turismo como dinamizador da economía lucense
- Campos Conde apuntou que “ducias de persoas chegadas de diferentes puntos do país coñecerán a riqueza paisaxística, patrimonial, etnográfica e cultural de Lugo, cos roteiros, degustacións e catas nos establecementos da provincia”
 - Maseratti Vignale, Morgan, Jaguar 120XK, Mustang, Rolls Royce-Corniche ou Aston Martin, son só algúns dos modelos de coches clásicos que participarán no Rally, que discorre por Astorga, O Barco de Valdeorras, Quiroga, O Incio, Lugo, Vilalba,  Pontedeume e Ferrol

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este martes na Praza de San Marcos o V Rally Turístico Terras do Incio, no que participarán uns 25 vehículos clásicos como Maseratti, Morgan, Jaguar ou Mustang
No acto, participaron os organizadores desta cita, Andrés Castro e Pilar Debelius. O Goberno da Deputación renova a súa colaboración con esta iniciativa, cunha achega de 3.000 euros dentro da súa aposta polo turismo como dinamizador da economía da provincia. No evento participarán familias chegadas de distintos puntos do país.

O Rally turístico celebrarase dende o 5 ao 9 de xullo. Partirá de Astorga e pasará por O Barco de Valdeorras, Quiroga, O Incio, Quiroga, Lugo, Vilalba,  Pontedeume e Ferrol. Campos Conde apuntou que “con esta iniciativa os participantes no rally turístico poderán coñecer de preto a riqueza paisaxística, patrimonial ou cultural desta zona da nosa provincia, ademais da gastronómica, pois a xornada inclúe roteiros, degustacións e catas nos establecementos da provincia”.

O Presidente destacou que esta iniciativa nace do cariño e orgullo que Andrés Castro sente polo súa terra, pola provincia de Lugo e, concretamente, polo Incio, Concello do que emigrou. Coa realización desta proba quere ensinar a riqueza da súa provincia ao mundo. “Este rally xa se converteu nun clásico na provincia”, subliñou Campos Conde.

Pola súa banda, Laura Celeiro destacou que “este tipo de iniciativas serven para revitalizar a nosa Comarca e amosar as nosas riquezas turísticas. O Incio converterase por un día na capital dos coches clásicos e iso non pasa todos os días”.

Andrés Castro, organizador da proba, explicou que o obxectivo deste evento é promocionar diversas rutas de Lugo e amosar ao visitantes os tesouros que esconde a provincia. Este roteiro compaxínase con actividades complementarias, como visitas lúdicas, culturais ou etnolóxicas pola provincia. Nas edicións anteriores, os participantes visitaron Pedrafita do Cebreiro, Samos, San Paio de Narla, Tor, a Mariña Lucense, ou a Ribeira Sacra.

25 coches clásicos
Castro sinalou que este Rally é un escaparate exclusivo de coches clásicos xa que nel participan os modelos máis exclusivos de España. Os amantes deste tipo de coches teñen unha oportunidade única para velos e desfrutar deles. Serán 25 coches clásicos, entre os que destacan un modelo Maseratti Vignale, valorado nun millón de euros, un Morgan, un Jaguar 120XK, un Mustang do ano 1964, un Rolls Royce-Corniche, un Aston Martin DB6 e un Mercedes 190 SL, entre outros.