Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promove a Montaña Lucense co III Desafío Ribeira de Piquín no que participarán 200 persoas

- O evento deportivo terá lugar o vindeiro domingo, a partir das 9:00 horas, sobre un percorrido de 121 quilómetros e 3.200 metros de desnivel positivo
- Rivera Capón subliñou que “apostamos pola organización deste Desafío posto que se trata dunha oportunidade excepcional para dar a coñecer lugares únicos da Montaña Lucense como o Porto da Barraca, o Coto de Frades ou o Porto de Cruz de Meira”
- O organismo provincial é o principal patrocinador do Desafío, cunha achega de 3.000 euros. Tamén colaboran os Concellos de Ribeira de Piquín e A Pontenova
- A Barraca, porto estrela do Desafío Ribeira de Piquín, cos seus pouco máis de 4 quilómetros de lonxitude chega a ser considerado de Categoría Especial. O primeiro quilómetro ao 16,5% de pendente media é, probablemente, o máis duro de toda Galicia

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e o Presidente do Club Ciclista Ribeiras do Miño, Luís Naval, presentou este xoves no Porto da Barraca o III Desafío Ribeira de Piquín, que terá lugar o vindeiro domingo.

O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita deportiva, pois decidiu realizar unha achega de 3.000 euros ao Club Ciclista Ribeira do Miño para a organización do Desafío, promovendo o deporte lucense e dando a coñecer diferentes zonas da Montaña. Tamén colaboran os Concellos de Ribeira de Piquín e A Pontenova, polos que discorrerá a proba.

Rivera Capón subliñou que “apostamos pola organización deste Desafío posto que se trata dunha oportunidade excepcional para dar a coñecer lugares únicos da Montaña Lucense como o Porto da Barraca, o Coto de Frades ou o Porto de Cruz de Meira. Non en vano, compráceme anunciar que xa hai preto de 200 participantes inscritos, entre os que se atopan ciclistas de renome como Ezequiel Mosquera”.

O Deputado de Deportes engadiu que “a saída terá lugar ás 9:00 horas e os participantes deberán completar 121 quilómetros con 3.200 metros de desnivel positivo, o que supón todo un reto en medio dunha paraxe de incalculable valor natural e paisaxística”.

Percorrido
O Desafío Ribeira de Piquín partirá de Chao de Pousadoiro, capitalidade de Ribeira de Piquín. Os participantes sairán en dirección A Pontenova de forma neutralizada por unha sinuosa estrada, con escaso tráfico, bordeando a canle do Río Eo. Chegarán á N-640 onde tomarán dirección A Pontenova, punto no que a ruta pasará a ser libre e dará comezo o primeiro porto, Coto de Frades (19,5 quilómetros ao 4,20%).

Ao chegar á cima os participantes seguirán dirección Chao de Pousadoiro, desviándose a poucos quilómetros dirección A Pontenova. Terminada a baixada, de novo tomarán unha estrada que vai bordeando o Río Eo, antes de chegar ao cruzamento onde empeza o segundo porto, A Barraca (4,2 quilómetros ao 13,6%), sen dúbida, un dos portos máis extremos de Galicia. Na cima volverán a coller a estrada que baixa a Chao de Pousadoiro por Ouviaña.

Chegados a Chao de Pousadoiro continuarán dirección Os Cangos, para afrontar o Porto de Cruz de Meira pola vertente da Lúa, que despois dos seus 17 quilómetros ao 3,4% de desnivel levaraos á cima de Cruz de Meira, miradoiro da Terra Chá e onde se situará a meta. Todo o que o desexe ten a posibilidade de dar por terminado o III Desafío Ribeira de Piquín, en Chao de Pousadoiro (km 101), antes de dar comezo o terceiro porto.

O quilómetro máis duro de toda Galicia
A Barraca, porto estrela do Desafío Ribeira de Piquín, cos seus pouco máis de 4 km de lonxitude chega a ser considerado de Categoría Especial. Os motivos son claros, 13% de pendente media e primeiro quilómetro ao 16,5%. Este primeiro quilómetro infernal pola pista de Santiago de Acivro co seu 16,5% de pendente media, é case con toda seguridade, o quilómetro máis duro de toda Galicia.