Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación mellorou con 100.000 euros as instalacións do Club Fluvial beneficiando a máis de 15.000 lucenses

- Campos, Méndez e Teijeiro supervisaron o remate das obras de ampliación do ximnasio e dos vestiarios, e de dotación de novas salas e dunha cafetería
- Coa achega do Goberno Provincial, acadouse un ximnasio de 800 metros cadrados, e unha nova planta con salas de fitness, cardio e spinning. Ampliáronse e renováronse os vestiarios, ao tempo que se construíu unha nova cafetería con restaurante
- O Goberno da Deputación acometeu ademais o arranxo de 700 metros da Rúa Fermín Rivera, con 55.000 euros, permitindo a ampliación das prazas de estacionamento coa construción dun novo aparcadoiro fronte ao Club Fluvial

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, supervisaron este sábado o remate das obras de ampliación e renovación do Club Fluvial de Lugo, situado no entorno do Río Miño, ao seu paso polo Barrio da Ponte na capital luguesa. Trátanse dunhas actuacións que decidiu financiar o Goberno da Deputación con 100.000 euros polo seu beneficio para os máis de 15.000 lucenses que empregan estas instalacións deportivas. Campos e Méndez estiveron acompañados polo Presidente da entidade, Modesto Teijeiro Valledor. Previamente, Campos Conde e Teijeiro Valledor asinaron o convenio entre o organismo provincial e a entidade luguesa que terá importantes contraprestacións para os lucenses, pois trátase da entidade con máis socios da provincia e a terceira de Galicia.

O Presidente da Deputación subliñou que “é de xustiza por en valor o traballo desta directiva que, durante os dous primeiros anos de mandato, puxo en marcha importantes actuacións encamiñadas a mellorar as prestacións do Club aos milleiros de lucenses que acoden diariamente a facer uso dos seus servizos. Para isto, levouse a cabo un ambicioso proxecto de ampliación das súas instalacións, ademais doutras actuacións dirixidas á mellora duns servizos, que non só benefician aos socios senón tamén aos veciños do Barrio da Ponte e aos lucenses en xeral”.

Campos Conde apuntou que “con este importante investimento de 100.000 euros que facemos dende o Goberno da Deputación levouse a cabo a ampliación do ximnasio, pasando dos 160 metros cadrados da antiga sala a unha superficie de 800 metros cadrados. Con estes traballos, os usuarios terán á súa disposición novas salas de cardio, fitness, sala clínica, virtual e de maquinaria de última xeración. Ademais, outra das grandes actuacións financiadas coa achega do Executivo Provincial foi a dotación dunha nova cafetería, para o que se levantou unha estrutura duns 250 metros cadrados, que acollerá tamén un novo restaurante de acceso público, con vistas ao río. Finalmente, ampliáronse os vestiarios masculinos gañando 100 metros cadrados, e renovouse a planta baixa dos vestiarios femininos”.

Durante a sinatura do convenio, o Presidente do Club Fluvial de Lugo, Tito Valledor, mostrou o seu agradecemento á Deputación de Lugo pola seu apoio e sinalou que este acordo é "importantísimo para o Fluvial, ao estar inmerso nunhas obras de tanta relevancia. Cremos que este investimento supón un activo moi importante para a cidade e a provincia, non só polo que beneficia aos máis de 15.200 socios e aos máis de 1.000 deportistas federados do Club, senón porque contribúe a potenciar o deporte". O máximo responsable do Fluvial falou tamén de proxectos futuros que estuda a xunta directiva, entre os que destacou "cubrir as pistas de tenis e o polideportivo, pero sen renunciar a que estean a disposición, non só de socias e socios, senón de todos os lucenses en xeral".

Actuacións realizadas

O antigo ximnasio remodelouse, duplicando o seu espazo, ao unirse a esta estancia a superficie que ocupaba a antiga cafetería. Este ximnasio dotouse de maquinaria de última xeración, para a práctica de exercicios de cardio, con elípticas de paso variable, cintas de correr, bicis e máquinas de musculación, principalmente. Pero a principal actuación, no que se refire á ampliación de espazos destinados a ximnasio, está na nova terceira planta, dividida en catro grandes espazos, para actividades de fitness, spining, cardio e sala virtual. Ademais, o principal atractivo desta planta é que se pode realizar exercicio físico mentres se goza dunhas espectaculares vistas do río Miño, xa que toda a planta está pechada con cristaleiras que permiten a entrada de luz natural e, por tanto, o gozar da contorna. Tanto o remodelado ximnasio como a nova terceira planta supoñen unha superficie de case 800 metros cadrados dedicados a ximnasio.

En canto á nova cafetería e restaurante, o proxecto contemplou o cambio de situación, construíndose na explanada da zona de acceso principal ao edificio do Club Fluvial. O restaurante, especializado en comida italiana, estará aberto a todo o público, socios e non socios da entidade. A maiores, vaise a construír unha terraza cuberta, paralela á rúa Fermín Rivera.

O problema pola falta de espazo tamén afectaba desde hai anos ao vestiario masculino. Por iso, o proxecto de ampliación contemplou o incremento do espazo actual nuns 100 metros cadrados, que inclúe ademais do vestiario unha sala de fisioterapia, o que supón una superficie total duns 250 metros cadrados. No vestiario masculino tamén se reformaron os accesos á piscina cuberta, o que supuxo gañar espazo, tanto na piscina como no propio vestiario. Aínda que non sei gañou en metros cadrados, as obras de reforma tamén permitiron a renovación integral da planta baixa do vestiario feminino, cunha distribución das duchas e da sauna moito máis funcional e práctica, gañando en espazo e en confortabilidad.

Instalacións xa operativas

As clases do Club Fluvial de Lugo comezaron o pasado luns, 18 de setembro, nas salas da recentemente construída terceira planta, onde se impartirán as actividades de fitness, cardio e spinning, en tres espazos, ademais das actividades virtuais que se poderán practicar nunha cuarta sala. Ademais da apertura aos socios destes novos espazos, tamén está xa en funcionamento o antigo ximnasio, que unha vez remodelado viu duplicado o seu espazo, ao unirse a esta estancia a superficie que ocupaba a antiga cafetería. Este ximnasio dotouse de maquinaria de última xeración, sobre todo para a práctica de exercicios de cardio, con elípticas de paso variable, cintas de correr, bicis e máquinas de musculación, principalmente.

Incremento de socios

O Club Fluvial vén incrementado ano a ano o número de socios. No 2016 pechou cuns 300 socios máis que a finais do ano 2015, mentres que no presente ano experimentouse un novo repunte, chegando ata as 15.200 persoas. Unha vez concluídas as obras, estableceuse un límite de socios para evitar novas saturacións que prexudiquen o uso diario das instalacións. Esta medida púxose en marcha xunto coa apertura dunha rigorosa lista de espera. Co remate e a posta en marcha destas novas salas e dotacións, a directiva do Club Fluvial de Lugo pon fin a unha vella demanda dos socios e fai realidade un dos grandes compromisos adquiridos cando accedeu á dirección e á xestión da entidade.

Arranxo da estrada principal

O Goberno da Deputación acometeu o arranxo de 700 metros da Rúa Fermín Rivera, dende a Ponte Romana á Igrexa de San Lázaro no Club Fluvial, con 55.000 euros. Estas obras non só beneficiaron aos usuarios do Club Fluvial, senón tamén aos veciños do barrio da Ponte e aos centos de persoas que acoden ao longo do ano á Igrexa de San Lázaro. Ademais, permitiron a ampliación das prazas de estacionamento coa construción dun novo aparcadoiro fronte ao Club. Así mesmo, o Fluvial adquiriu recentemente, unha parcela próxima ao club, no Barrio da Ponte, para destinala a aparcadoiro, que pese a ser privado é de uso público, posto que presta servizo aos veciños da zona e á Igrexa de San Lázaro, situada ao carón.