O Goberno da Deputación recolle o traballo de ASPNAIS coa exposición dos seus 50 anos de historia
- O Presidente subliñou que “con este proxecto amosamos o traballo e compromiso de ASPNAIS coa nosa provincia durante estes 50 anos; traballo que seguides a realizar e co que estamos a conseguir que Lugo sexa unha provincia máis integradora e igualitaria”
- A mostra está composta por obras de máis de 70 escritores, poetas, escultores, pintores e fotógrafos lucenses que amosan traballos elaborados expresamente para esta exposición, na que tamén hai pezas creadas polos propios usuarios de ASPNAIS
- Horario: de luns a venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo Lara Méndez López, e o Presidente de Asociación de Padres o Tutores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, José Reigosa García, inauguraron este xoves a exposición 50 anos de ASPNAIS. O Executivo Provincial achega de xeito totalmente gratuíto a todos os lucenses esta mostra, na que se fai un repaso pola historia de ASPNAIS con motivo do seu 50 aniversario. A mostra poderase visitar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, dende hoxe e ata o 25 de setembro, nun horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, de luns a venres; de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, os sábados; e de 11:00 a 14:00 horas, domingos e festivos.
Campos Conde felicitou a ASPNAIS polo seu aniversario e subliñou que con esta mostra amosamos o traballo e compromiso que tivestes coa nosa provincia durante estes últimos 50 anos, traballo que, por certo, seguides a realizar; para conseguir que a de Lugo sexa unha provincia igualitaria e integradora a nivel social, educativo e laboral. Dende o Goberno da Deputación estamos orgullosos de poder contar no Pazo de San Marcos con esta exposición, e dar a coñecer aos lucenses parte da historia de ASPNAIS, que vai da man da de Lugo.
O titular provincial lembrou a estreita colaboración do Goberno da Deputación con este colectivo, como a cesión gratuíta das instalacións do antigo hospital de San José, que permitirá duplicar as prestacións que ofrece e, polo tanto, mellorar o servizo.
O Presidente engadiu que os visitantes poderán contemplar fotografías, poemas, pinturas, esculturas ou vídeos, por primeira vez expostos nun espazo museístico e accesible para todos os veciños e visitantes da provincia. Quero mostrar o meu máis sincero agradecemento a todos os artistas, usuarios, familias, profesionais e voluntarios que colaborastes nesta colección que hoxe enche as paredes do Pazo de San Marcos, ao que sempre seredes benvidos.
50 anos de ASPNAIS
A mostra conta con máis de 70 obras nas que se involucrou o tecido cultural e social da provincia de Lugo. Son 31 escritores, 21 pintores e debuxantes, 16 fotógrafos e 5 escultores, os que produciron, expresamente, as súas obras para esta exposición. A colección tamén conta con varias pinturas creadas polos usuarios de ASPNAIS durante os obradoiros que realizan ao longo do ano. Todas as pezas se trasladarán ás novas instalacións do Hospital de San Xosé.
Máis colaboracións con APSNAIS
A exposición sobre os 50 anos de historia súmase a outros proxectos conxuntos do Goberno da Deputación e ASPNAIS. Entre elas, a cesión gratuíta do antigo Hospital de San José, co que ASPNAIS, poderá duplicar o número de usuarios, chegando ata os 300; converténdose deste xeito nun dos centros de atención a persoas con capacidades diferentes de referencia, non só na provincia, senón en todo o país.
O Goberno Provincial decidiu tamén, dentro da aposta por converter á Deputación nunha administración social e coas persoas, que todos os obsequios institucionais fosen pezas artesanais elaboradas polos propios usuarios de ASPNAIS nos obradoiros de carpintería e cerámica que promove e acolle este colectivo social. Ademais, o organismo provincial editou o libro 50 anos facendo familia, do escritor lucense Xulio Xiz, no que se recolle toda a historia da asociación lucense, dende a fundación de ASPNAIS ata a actualidade.