Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor a figura de Rosalía de Castro regalando poemas e rosas este sábado

- Trátase da iniciativa do Executivo Provincial, con motivo do 181 aniversario do nacemento da autora de Cantares Gallegos, na que se entregarán, gratuitamente, poemas e rosas aos visitantes de todas as salas expositivas da Deputación
- A Deputada de Cultura destacou que “esta iniciativa está enmarcada dentro da aposta do Goberno da Deputación por fomentar a lectura e o coñecemento das obras de Rosalía na cidadanía, ao tempo que impulsamos o seu pensamento e o seu legado”
- En total, o organismo provincial regalará 500 láminas co poema Has de Cantar, da artista galega, e unha rosa. A ilustración de Rosalía de Castro é de Helena Karenina e pertence á colección da exposición Imaxinando Cantares Gallegos
- Tamén obsequiarase a todas as persoas que se acheguen ao stand da Rede Museística da Deputación na Feira de arte emerxente JustMad9 de Madrid

O Goberno da Deputación pon en valor a figura de Rosalía de Castro regalando poemas e rosas este sábado, con motivo do 181 aniversario do nacemento da autora de Cantares Gallegos. Trátase da iniciativa do Executivo Provincial na que se entregarán agasallos, totalmente gratis, aos visitantes dos 4 museos da provincia, Museo Provincial, en Lugo; Pazo de Tor, en Monforte de Lemos; Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol; e Museo Provincial do Mar, en Cervo; así como aos da Capela de Santa María e aos de o Pazo de San Marcos. Ademais, durante a xornada, tamén obsequiarase a todas as persoas que se acheguen ao stand da Rede Museística da Deputación na Feira de arte emerxente JustMad9 de Madrid

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto destacou que “esta iniciativa está enmarcada dentro da aposta do Goberno da Deputación por fomentar a lectura e o coñecemento das obras de Rosalía de Castro na cidadanía, ao tempo que impulsamos o seu pensamento e o seu importantísimo legado cultural. Foi un exemplo de liberdade para todas as mulleres e un referente de compromiso coa identidade e lingua galega”.

En total, o organismo provincial entregará 500 láminas co poema Has de Cantar da artista galega, e unha rosa. A ilustración de Rosalía de Castro é de Helena Karenina e pertence á colección da exposición Imaxinando Cantares Gallegos, do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.