Deputación de Lugo

A Deputación é a principal colaboradora cos veciños de Chantada no Entroido Ribeirao

- Porto e González presentaron este xoves a cita cultural que organiza a Asociación Amigos do Entroido Ribeirao coa principal colaboración do Executivo Provincial. Terá lugar o 28 de xaneiro, 4, 11 e 13 de febreiro na parroquia de Santiago de Arriba
- A Deputada de Cultura informou sobre a axuda de 3.000 euros da institución e destacou que “queremos facer con vós máis provincia, poñendo en valor a celebración dun dos entroidos máis fermosos e auténticos de Galicia, que reúne a unhas 1.500 persoas”
- O Entroido Ribeirao caracterízase polos seus famosos  personaxes, os “volantes” que representan aos antigos feudais, os “maragatos” que son os gardas e protectores e “os mecos” que escenifican teatralmente oficios co seu particular punto de vista satírico
- Veciños da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao recuperaron esta tradición no ano 2.000, organizando e conservado dende entón esta festa, sendo a única de carácter ancestral de toda a provincia

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Presidente da Asociación Amigos do Entroido Riberao, Juan Carlos González, presentaron este xoves o Entroido Ribeirao. Trátase da única cita ancestral da provincia. Está organizada por dito colectivo co que decidiu colaborar o Goberno Provincial tendo en conta a singularidade deste evento e as súas oportunidades económicas, pois promove a cultura e o turismo na provincia. O Executivo converte deste xeito á Deputación na principal colaboradora cos veciños de Chantada. Faino con 3.000 euros, que contribúen á organización e celebración desta cita os días 28 de xaneiro, o 4, 11 e 13 de febreiro, na parroquia de Santiago de Arriba, no municipio chantadino.

García Porto puxo en valor “o traballo que dende hai anos levades a cabo os veciños para manter vivo na nosa provincia un dos entroidos máis fermosos e auténticos de Galicia. Gracias pola vosa imprescindible implicación e dedicación. Dende este Goberno da Deputación, queremos facer con vós máis provincia. Por iso, non dubidamos en sumar esforzos para poñer en valor esta tradición ancestral, que forma parte do noso patrimonio inmaterial e da nosa identidade cultural, sendo capaz de reunir a máis de 1.500 persoas”.

Volantes, Maragatos e Mecos

Durante o Entroido Ribeirao os famosos volantes que representan aos antigos feudais son os encargados, todos os días, de pasar polas hortas dos veciños de Santiago de Arriba, como unha chamada ao bo tempo, xa que se pensa que protexen as colleitas do ano por onde eles pasen. Estes personaxes portan na cabeza puchos con cintas de colores, así como un cinto na cadeira con 25 campás. Todo isto escoltados polos maragatos que van ataviados con peles de animais como coellos e zorros, e que son os gardas e protectores dos volantes. Na festa tamén participan os mecos, cunhas máscaras elaboradas con papeis de xornais e vestidos con camisas e pantalóns de cor vermella e amarela, que escenifican e representan teatralmente “oficios”, problemas e temas de actualidade polas rúas da parroquia chantadesa, co seu particular punto de vista satírico.

Recuperación da tradición

Os integrantes da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao recuperaron esta tradición no ano 2.000, organizando e conservado dende entón esta festa, sendo a única de carácter ancestral da provincia de Lugo. O colectivo traballa e investiga durante todo o ano para conseguir os materiais e as campás necesarias para as vestimentas do Entroido, pois xa non se fabrican e que logran de cesións de particulares. Ademais, realizan charlas e conferencias por colexios da provincia para divulgar e promocionar a festa entre os máis pequenos.

Programación

O Entroido Ribeirao comezará coa xornada grande o Domingo Lambedoiro, que abre o calendario de festas de Entroido de toda a Comarca de Lemos e Chantada. Como ven sendo habitual contarán con 3 representantes de outros entroidos tradicionais de Galicia. Este ano participarán os “fuliones” de Viana do Bolo, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e “os peliqueiros e os parranfóns” de Campobecerro, de Castrelo do Val. Todos estes personaxes realizarán un pasarrúas polas rúas da parroquia de Santiago de Arriba, acompañados por gaiteiros de Vigo.

A programación é a seguinte:

-Domingo, 28 de xaneiro. É o Domingo Lambedoiro, a xornada arrincará ás 12:00 horas co pasarrúas por Chantada dos Entroidos convidados (saída dende a praza de Santa Ana). Ás 16:00 horas comezará o Entroido Ribeirao en Santiago de Arriba cos Entroidos convidados.

- Domingo, 4 de febreiro. A partir das 16:00 horas terá lugar o Domingo Corredoiro.

- Domingo, 11 de febreiro. A partir das 16:00 horas comezará o Domingo de Entroido.

- Martes, 13 de febreiro. A partir das 16:00 horas celebrarase o Martes de Entroido. Para clausurar o Entroido Ribeirao de 2018 terá lugar o choro do Pucho e a continuación a merenda popular con produtos autóctonos como chourizos, castañas ou torriscos.