O Goberno da Deputación promove un Obradoiro de confección de saias tradicionais que imparte Traxandaina
- A Capela de Santa María continua coa exposición da primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo
A Deputada de Cultura, Pilar Garcia Porto, asistiu este sábado ao Obradoiro de confección de saias, completamente gratuíta, que se celebra durante esta fin de semana no CENTRAD, e que imparten os artesáns de Tranxadaina. Nesta actividade os alumnos e alumnas realizan prácticas, así como clases que analizan a evolución e a historia desta vestimenta.
Durante esta xornada os asistentes coñecerán que é un traxe aldeán de garda e de qué partes se compón, e outro aspectos como a presenza da saia na vestimenta tradicional, ou a importancia do tecido artesán no traxe tradicional. Tamén se falará dos materiais empregados no traxe aldeán de garda, así como as dimensións, texturas e cores das pezas antigas, e a toma de medidas individualizada. Na quenda de tarde estúdanse asuntos como planteamento do cadrado do picote, a selección, corte e remate dos tecidos, e a colocación e marcado das partes da peza. A xornada do domingo será eminentemente práctica, con exemplos de costuras feitas á man e a colocación dos baixos á man.
Paralelamente, a Capela de Santa María continúa coa exposición da primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo, provinte de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín, Guntín ou Muras. Todos os interesados en percorrer esta exposición poden facelo mediante visitas guiadas que correrán a cargo dos artesáns de Traxandaina. Serán os xoves días 3, 24 e 31 de maio; os martes 12, 19 e 26 de xuño. E por último os domingos 27 de maio e 17 xuño ás 12:00 horas. Para inscribirse de xeito totalmente gratuíto, Hai que cubrir o formulario que está dispoñible na web da Deputación.
García Porto agradeceu a implicación do colectivo Traxandaina nesta exposición e nestas actividades, xa que con esta programación contribuímos a dar coñecer a nosa cultura mediante as nosas vestimentas, afondamos nas nosas tradicións, e axudamos a difundir o traballo recompilado polos artesáns da provincia.