Deputación de Lugo

O Lourenzá S.D. campión da XXV Edición da Copa Deputación
entre os equipos de 2ª e 3ª autonómica

Celebrouse a segunda final da Copa Deputación que enfrontou ao Lourenza S.D. e ao Atlético Muralla de Lugo acadando a victoria o Lourenza S.D na tanda de penaltis

O 17 e o 24 de Agosto xogarase a Supercopa Deputación entre os gañadores da copa e os equipos lucenses que xogan en categorías estatais Despois de disputarse, o pasado domingo día 17, a final XXV Edición da Copa Deputación entre os equipos de preferente e 1ª autonómica, na que se proclamou campión o Outeiro de Rei, este domingo tocoulle a quenda á final entre os clubes de 2ª e 3ª autonómica. Os finalistas, nesta ocasión, foron o Lourenzá S.D. e o Atlético Muralla que se enfrontaron no campo de fútbol de A Veiga, no concello de Riotorto. Na entrega de trofeos e na presentación dos equipos participou o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa que manifestou a súa satisfacción por que un evento desta categoría se translade ata Riotorto “para nos é moi importante que as institucións teñan en conta a existencia de todos os concellos á hora de organizar eventos deste tipo”. O Lourenzá S.D. alzouse como campión tras derrotar ao Atlético Muralla por 4 goles a 3 na tanda de penaltis. Os equipos disputaron un apaixonante encontro, que rematou con empate a cero goles e que foi seguido por case un milleiro de afeccionados que se desprazaron ata Riotorto para presenzar o partido. Esta segunda final, entre o Lourenzá S.D. e o Atlético Muralla, xogouse entre os equipos clasificados tras unha fase previa na que participaron un total de 61 equipos procedentes das categorías de terceira autonómica e segunda autonómica. Nesta competición, organizada pola Federación Galega de Fútbol e patrocinada pola Área de Deportes da Deputación de Lugo, participaron un total de 81 clubes de fútbol das categorías 1ª, 2ª, 3ª autonómica e Autonómica Preferente que representan, aproximadamente, o 95 % dos equipos da provincia. No mes de agosto celebrarase a Superocopa Deputación que o día 17 de agosto se disputará nunha final a tres entre Clubes que militan en ligas estatais e o campión da final a disputar entre os equipos de preferente e 1ª autonómica. O día 24 de agosto celebrarase outro encontro desta Supercopa Deputación nunha final a tres entre os subcampión de de preferente e 1ª autonómica e o campión e subcampión de 2ª e 3ª autonómicas. O responsable da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, manifestou a súa satisfacción polo alto grado de participación nesta competición e polo alto nivel de xogo despregado polos equipos finalistas, Veiga quixo felicitar, tamén ás afeccións de ámbolos dous equipos que se desprazaron ao campo de fútbol de Riotorto e agradeceu ao Concello a súa implicación na organización do evento. INCREMENTO NO ORZAMENTO DA COPA DEPUTACIÓN NA SÚA XXV EDICIÓN A Área de Deportes, dirixida por Antonio Veiga, a Deputación incrementou, de xeito considerable, a partida orzamentaria asignada a esta competición que este ano ascenderá a 80.000 € mentres que en pasadas edicións roldaba os 60.000 €. Segundo Veiga, a Área de Deportes fixo, neste ano do 25 aniversario da Copa Deputación, un esforzo encamiñado a facer desta competición un lugar de encontro atractivo para todos os clubes das distintas comarcas lucenses. O campión da Copa Deputación percibirá un total de 5.000 euros e o subcampión un total de 4.000 euros, ademais todos os participantes percibirán 450 € por partido xogado.