Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación compromete o apoio da institución que preside para aumentar a inversión
en obra pública

Gómez Besteiro reuniuse cos empresarios da APEC para levar a cabo accións que contribúan a conseguir un mercado equilibrado

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este luns co Presidente da Asociación provincial de Construtores (APEC), Hipólito Trinidad Losada, e cos empresarios da construción de obra pública para avaliar a situación do sector. Gómez Besteiro fixo un balance positivo da xuntanza na que o máximo mandatario provincial amosou ós empresarios da construción o apoio da instititución que preside para aumentar a inversión en obra pública que permitirá reducir o desaxuste económico que afecta ó sector. “Estamos vivindo un momento de axuste financieiro e de restrición de créditos a nivel mundial, o que supón o encarecemento de todo tipo iniciativas e de materias primas. Por tanto, as administracións deben contribuír a tornar esta situación cun aumento da obra pública”, sinalou o máximo mandatario provincial. Gómez Besteiro indicou que así dáse resposta ás decisións adoptadas polo goberno de España e ratificadas polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Asemade, o titular do ente provincial explicou que as administracións deben aumentar na medida do posible as inversións en obra pública que no caso da Deputación tradúcense na na acción da Sociedade Urbanística encargada da xestión de polígonos industriais, así como na construción de piscinas, edificios culturais, etc. Axudar ós Concellos Na reunión tamén se abordou a posibilidade de que a Deputación colabore na coordinación cos Concellos para a aprobación dos seus Plans Xerais de Ordenación Municipal. “A intención por parte da Deputación é colaborar nun plano de coordinación coa Xunta de Galicia que é a que ten a responsabilidade de aprobar os documentos urbanísticos. Esta petición recóllese de bo gusto porque temos o instrumento adecuado para facelo, xa que SUPLUSA, dentro das súas competencias, ten a de coordinar e colaborar con estudos e material técnico para que os Concellos tramiten o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Neste senso, puxo como exemplo o caso de Guntín, que ten adxudicado a redacción do PXOM á Sociedade Urbanística Provincial. “Recuperar o tempo perdido” Na xuntanza, Gómez Besteiro tamén lle trasladou ó empresariado lugués que nos casos nos que existe ralentización para a execución dalgunha obra pública, débese a que “estamos enfrascados na obtención dos terreos debido a unha mala xestión anterior. Temos que recuperar o tempo perdido que se pode cuantificar en 2 ou 3 anos de forma xenérica”. Neste senso, o máximo mandatario provincial salientou o esforzo da Deputación por non perder a subvención europea de obras incluídas no Plan Operativo Local (POL), que son financiadas pola Unión Europea e pola Deputación. “Non queremos perder esta subvención, xa que senón a Deputación terá que aportar fondos propios para poder executalas”. Deste xeito, subliñou que unha vez resolto o proceso xa se poderá proceder á redacción do proxecto, valoración dos terreos, expropiacións, adxudicación e execución da obra. Neste senso, Gómez Besteiro dixo que “este é o mecanismo que queremos manter para evitar problemas con obras adxudicadas nas que o contratista non pode executalas por causas imputables á administración ó non ter realizada a expropiación. Por tanto, se a institución é a que produce o retraso é de xustiza que se corrixan os prezos”.