Deputación de Lugo

A Deputación inviste en dez días 1,7 M€ para rendibilizar o medio ambiente dentro do Lug02

A Xunta de Goberno contrata 5 novos servizos por valor de 700.000 euros, que están dirixidos á ecoxestión de residuos gandeiros, á profesionalización do turismo medioambiental e á biomasa

Gato Soengas destaca que “demostramos que a riqueza medioambiental da provincia é unha oportunidade económica” A Deputación destina en dez días 1,7 millóns de euros para rendibilizar o medio ambiente dentro do programa europeo Lug02, dotado con 5 millóns de euros e destinado a impulsar os Concellos incluídos nas Reservas da Biosfera e no Courel, e a convertir o medio ambiente nunha oportunidade económica. A Xunta de Goberno deste luns aprobou 5 novos servizos que suman un total de 700.000 euros. Antonio Gato destacou que “xa lles anunciaramos que a partir de agora íamos ir contratando distintas liñas de actuación que contempla o proxecto. A pasada semana aprobouse a contratación do Sistema de Información Xeográfica e de Aulas da Natureza por valor de 1 millón de euros. É dicir, en dúas Xuntas de Goberno contratamos varias iniciativas coas que demostramos que a riqueza mediambiental da provincia é unha oportunidade económica”. A xunta de Goberno aprobou os pregos correspondentes ás seguintes liñas de actuación, incluídas no programa europeo: 1.- Ecoxestión de residuos que xeran os gandeiros da provincia coas prácticas agrícolas. Gato Soengas subliñou que “traballaremos codo con codo cos gandeiros da provincia para axudarlles a mellorar as súas prácticas agrícolas e conseguir así unha diminución dos impactos que ten a súa actividade no medio natural. Imos facer rendibles o aproveitamento dos residuos gandeiros, buscando rendibilidade económica e medioambiental. Neste obxectivo tamén implicaremos á Granxa Gayoso-Castro. Nestes momentos estamos coa redacción do proxecto para a construción do Centro de Recría”. A actuación conta cun investimento de 200.000 euros. 2.- Actuacións orientadas á profesionalización do turismo rural medioambiental. A esta iniciativa, a Deputación destina 191.400 euros, e inclúe, entre outras actuacións, a realización dun estudo da oferta de turismo dos Concellos das Reservas e do Courel, así como a realización de cursos de aproveitamento turístico para os responsables dos establecementos de turismo rural, fomentando o uso das novas tecnoloxías. O obxectivo é contribuír de maneira decisiva á creación de 20 empresas relacionadas co medio ambiente e o turismo. 3.- Redacción de proxecto de análise de dispoñibilidade, extracción, transporte e distribución da biomasa por valor de 127.600 euros. O voceiro do goberno sinalou que “partimos da base de que os residuos xerados na limpieza, poda ou corte dos montes poden ser empregados para usos enerxéticos e para crear combustibles. Desta forma, non só se diminúe o risco de plagas e de incendios, senón que estamos impulsando a economía da provincia, xa que os combustibles que se xeneren poderán ser logo comercializados”. Para a súa posta en marcha, elaboraranse proxectos que analizarán de forma específica a extracción, transporte e distribución da biomasa forestal co obxectivo de levar a cabo experiencias piloto de recollida, preparación e o transporte da biomasa en diversos Concellos da área de actuación do Lug02. As outras dúas iniciativas que se contrataron están dirixidas ó asesoramento a xóvenes investigadores para a constitución de empresas de alimentación e a actividades lúdico-educativas da natureza para nenos. O organismo provincial inviste en cada unha destas actuacións 69.900 euros. Outros acordos da Xunta Na sesión de hoxe tamén se aprobaron 14 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais 2006, 2007 e 2008: 1 en Begonte, 5 en Cospeito, 1 en Láncara, outra en Lugo, 2 en Portomarín, 1 en Sober, 1 no Valadouro, e 2 en Vilalba. Suman 88.730 euros, dos que a Deputación achega 61.760. Ademais, deuse o visto e prace ó presuposto para facer unhas obras adicionais na estrada provincial CP. 6502 de Vilalba por a Balsa a Chavín. Esta obra, incluída no POS 2005, contemplou no seu momento o ensanche e mellora do p.k. 16,500 ó 17,000. “Agora, son necesarias facer unhas obras adicionais que se adxudican ó mesmo contratista que fixo a principal, Jose Sanjurjo Construcciones S.L. O importe destes traballos complementarios é de 29.950 euros”, apuntou Gato Soengas. Tamén se aprobaron os plans de seguridade e saúde no traballo para a obra do P.O.S 2006 que vai de Lourenzá a Arroxo, pasando por San Xurxo, e que inclúe o ensanche e mellora do p.k. 0,000 ó 2,000; así como para o desbroce de estradas provinciais incluídas nas zonas E (Concellos de Xermade, Lugo, Outeiro de Rei) e C (Antas de Ulla, Friol, O Incio, O Corgo), dentro do Plan de mantemento da rede viaria provincial.