O equipo de goberno presenta o programa provincial para a segunda metade do mandato
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Vicepresidente Primeiro subraia que este goberno bipartito é un modelo que se pode extrapolar a outras administracións A Deputación colaborará co Concello de Lugo para crear unha praia fluvial no río Miño Abrir física e ideoloxicamente a Deputación, saldando as débedas históricas, principais liñas de actuación da primeira metade do mandato O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, presentaron estes luns as novas liñas de actuación para os vindeiros dous anos de goberno e fixeron balance da primeira metade do mandato. Gómez Besteiro presentou unha cascada de 12 proxectos económicos do equipo de goberno, planificados estratexicamente, sen facer ruído, e cun denominador común: volver a ser útiles e eficaces para a provincia co fin de facela competitiva. O Vicepresidente Primeiro suliñou que fomos máis aló do programa de goberno inicial, resolvendo problemas enquistados desde hai décadas, como o da UNED en Lugo. Este goberno bipartito é un modelo que se pode extrapolar a outras administracións. Ámbolos dous responsables afirmaron que nin podiamos fallar, nin nos conformamos. Nestes momentos, está cumprido o 99% do programa de goberno asinado polo PSOE e o BNG, afirmou Antón Bao, converténdonos na 1ª Deputación galega cun Plan Económico-Financieiro ata o 2011 que asegura a estabilidade nun momento de crise e despois de ter saneadas as nosas contas e conscientes da perda de ingresos que se producirá o vindeiro ano, destacou Besteiro. Da ducia de proxectos económicos destaca o Plan Deputación, un macro-programa dotado incialmente con 20 millóns de euros, e sufragado ó 100% pola Deputación. Creará emprego a través de obra pública e duplicará a inversión ordinaria do organismo provincial prevista para os 2 próximos anos, respectando o Plan Económico-financeiro da Deputación e tendo en conta que a pesar de ter menos ingresos do Estado, imos aumentar o investimento, indicou o Presidente, quen avanzou que o Plan será presentado á volta do verán. Novos proxectos Gómez Besteiro informou da consecución de 2 novos programas estatais: Un centro do coñecemento para o benestar social, cun orzamento de 1.640.856 euros, e un Plan Avanza para modernizar os Concellos da provincia cun presuposto de 747.500 euros. O dous novos proxectos engádense ós programas europeos conseguidos polo goberno da Deputación na 1ª metade do mandato e que superan os 20 millóns de euros. Nos dous próximos anos veranse os resultados dos programas europeos que se están a executar: Lug02 para conseguir emprego verde e o ecoturismo-, Innóvate que revolucionará tecnoloxicamente a provincia- e o Pacto Integral polo Emprego para crear emprego estable-. A apertura da Axencia Provincial da Enerxía no INLUDES este mesmo ano; sumado á ampliación do programa de apoio ós autónomos, pioneiro en España; ó inicio o vindeiro ano das obras do centro de recría de gando na Granxa Gayoso-Castro que triplicará os 14 centros existentes en Galicia porque, en palabras de Besteiro, o leite é o ladrillo de Lugo; ó remate da ampliación da Rede de Museos provinciais, xunto á execución do primeiro Plan Director de Turismo da provincia de Lugo deseñado en coordinación con todos os sectores implicados, como destacou o Vicepresidente Primeiro; á posta en valor dos Camiños de Santiago ó seu paso pola provincia co programa Km0 a Compostela, que se presentará a vindeira semana anticipándose ó Ano Santo; á presentación no mes de setembro dun proxecto de viabilidade para o Pazo de Tor e dun plan de saneamento das concesións administrativas dependentes da Deputación para afrontar asuntos como as áreas recreativas ou o Hotel Miño; á presentación en dous meses dos resultados definitivos do primeiro Plan Estratéxico, pasando dunha provincia deslabazada a un Lugo estratéxico, en palabras do Presidente, etc. son algún dos programas que estarán concluídos na segunda metade do mandato. Praia fluvial e certificación da Mariña O Presidente anunciou tamén a creación dunha praia fluvial no Miño en colaboración co Concello de Lugo, respaldando á capital da provincia como fixemos coa UNED e o Plan Urban. É unha aposta que ofrecerá unha visión distinta do río, está respaldada polas dúas forzas políticas deste goberno e vinculada ó noso programa mediaombiental Lug02. Gómez Besteiro adiantou, ademais, que o vindeiro verán estarán certificadas medioambientalmente as primeiras praias da Mariña Lucense, que serán un novo referente no ecoturismo de Galicia; o que significa un nivel de esixencia moi superior ó da Bandeira Azul. Cultura e Deporte En canto ós investimos en Cultura e Deporte, o Vicepresidente Primeiro sinalou que a Deputación pasou de 0 a 100 en material cultural en apenas dous anos, superando os 8 millóns de euros. Deste xeito, explicou que en deportes duplicouse o orzamento, pasamos a ser a Deputación galega que máis fondos destina á actividade deportiva cun investimento próximo ós 15 millóns de euros. Asimesmo, engadiu que en servizos sociais pasouse de servizos inexistentes a desenvolver unha estreita colaboración coa Xunta de Galicia neste eido. Antón Bao afirmou tamén que coa chegada do novo goberno a lingua deixou de ser un problema nesta instituación. Os que usamos o galego podemos utilizalo con normalidade, non se nos persegue políticamente e non se traducen as nosas intervencións á hora de plasmalas nas actas dos órganos de goberno. Pendentes da Xunta O Presidente e o Vicepresidente Primeiro indicaron que neste ciclo económico as saídas á crise non poden limitarse á austeridade mal entidada e ó recorte de servizos públicos. Isto ten un nome: pasarlle a factura ós veciños. Gómez Besteiro subraiou que a Deputación ten feitos os deberes nas débedas históricas da provincia como son a transferencia dos hospitais ó SERGAS ou a creación da rede provincial de bombeiros. Falta que a Xunta culmine a súa parte do traballo. Entendemos que todos necesitan un tempo ó chegar a unha administración, pero pasado un periodo razonable, seremos inflexibles nos intereses da provincia. A este respecto, Antón Bao sinalou que esperamos que a Xunta de Galicia cumpra como nós o fixemos ó non romper os compromisos anteriores. Puxo como exemplo as políticas agrarias, xa que existían proxectos do anterior goberno galego que agora foron freados, e que hoxe fixeron que neste día os tractores estén na rúa. Resumo do acordo de goberno O responsable provincial explicou a situación na que se atopan cada un dos puntos do acordo. Neste senso, Antón Bao subraiou que pasamos dunha Deputación que primaba o cemento a outra que prioriza o servizo público. Dentro do apartado de impulsar a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial, Gómez Besteiro sinalou que chegamos onde a Xunta non podía. Creamos solo industrial en 28 concellos; cinco millóns catrocentos sesenta e sete metros cadrados de superficie, como 540 campos de fútbol. Asimesmo, explicou que por primeira vez, o Presidente da Deputación compareceu todos anos no Parlamento. Por outra banda, indicou que, dentro do compromiso de coordinar políticas coa Xunta de Galicia, a Deputación fixo os deberes no proceso de transferencia dos hospitais de San José e San Rafael ó SERGAS e na posta en marcha dos Parques Comarcais de Bombeiros. Enmarcado dentro do acordo, o titular provincial tamén destacou que a cooperación é a nosa columna vertebral. Os nosos programas de cooperación aforran hoxe ós concellos 70 millóns ó ano. A elaboración do novo Regulamento Orgánico da institución, unha política de persoal totalmente baseada na trasparencia e o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística foron outros dos asuntos que contempla o acordo e que xa están cumpridos.