Deputación de Lugo

O amplo dispositivo despregado pola Deputación atende 55 incidencias na rede viaria causadas polo ciclón Xynthia

Imaxe deputación de lugo
A estrada máis afectada foi a CP 1303, no Courel, polo que técnicos da Deputación desprazaranse a 1ª hora do luns ata o lugar para avaliar os danos e proceder canto antes ó seu arranxo

Nestes momentos, permanecen pechadas ó tráfico outras 3 estradas, 2 en Bóveda e outra en Paradela, porque a empresa eléctrica aínda non retirou o tendido derrubado polo vento Máis de 80 efectivos, que estiveron en alerta dende as 12:00 horas de onte, traballan na retirada de árbores, asolagamentos e desprendementos rexistrados nas vías provinciais A Deputación continúa a traballar nas estradas provinciais para atender as incidencias acontecidas durante o paso do ciclón Xynthia que, malia que non deixou consecuencias de gravidade, as fortes rachas de vento rexistradas ó longo da noite ocasionaron a caída de árbores, asolagamentos nas estradas, así como desprendementos de terra que dificultaron a circulación en varios treitos da rede viaria provincial. As empresas adxudicatarias da Conservación Integral, así como o persoal dos servizo de Infraestruturas de Deputación están a traballar de xeito ininterrumpido para que as vías acaden a normalidade no menor tempo posible. En total, o organismo provincial mobilizou a 82 operarios que atenderon 55 incidencias, a maior parte pola presenza de pólas nas estradas. A máis salientable produciuse na estrada provincial CP 1303, que vai de Soane do Courel a Ferramuín, na que as intensas choivas levaron por diante a terra que sostén un treito duns 20 metros desta vía. Co obxectivo de proceder ó seu arranxo no menor tempo posible, os técnicos da Deputación desprazaranse ata o lugar a primeira hora do luns para avaliar os danos e tomar as medidas necesarias para iniciar as obras de reparación. Outras 3 estradas pechadas ó tráfico Nestes momentos, permanecen pechadas ó tráfico outras 3 estradas provinciais: 2 en Bóveda (CPs 0905 e 0901) e outra en Paradela (CP 0910). Malia que a Deputación xa retirou ás pólas que caeron nestas vías durante a noite, a causa de que aínda non se poida transitar por elas débese a que a empresa eléctrica aínda non retirou o tendido que foi derrubado polo intenso vento. O dispositivo despregado polo organismo provincial permanece en alerta dende as 12:00 do sábado ata as 20:00 horas do día de hoxe. Dende primeiras horas da mañá están a traballar a reo para restablecer ó tráfico as vías que sofriron algún tipo de dificultade. Precisamente, a rapidez coa que actuaron fixo posible que as estradas CP 2505, en Guitiriz; a CP 1611 en Castro de Rei; a CP 0801 en Begonte; e a 5401 en Baleira; xa poidan ser transitadas aínda que a primeira horas da mañá quedaron pechadas debido a presenza de árbores na calzada.