Deputación de Lugo

Declaración Institucional do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Imaxe deputación de lugo
Declaración Institucional do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é unha data para a denuncia, para a concienciación social, e para avaliar os avances que se teñan dado e anticipar novas liñas de actuación. Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. A Lei Galega de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero é un instrumento para unha nova abordaxe da violencia de xénero no ámbito galego co fin de conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade entre mulleres e homes, porque un dos obxectivos prioritarios de toda sociedade democrática é a igualdade entre os homes e as mulleres e unha clara expresión de desigualdade é a violencia de xénero. A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, mais tamén é un paso que se debe de dar de modo persoal e individual. Para construír unha sociedade baseada nos valores democráticos de igualdade entre mulleres e homes, necesitamos de medidas lexislativas ou contributos desde as administracións públicas. Esta sociedade constrúese desde a solidariedade persoal á hora de condenar sen paliativos as accións de violencia contra as mulleres, de denuncialas e facer visibles as nosas denuncias. Por iso desta volta queremos chamar tamén á responsabilización e ó compromiso persoal de cadaquén. Os agresores non deben achar respaldo para continuar con “normalidade” a súa vida mentres as mulleres agredidas pasan auténticas dificultades para recuperar as súas vidas. Estas dificultades son moitas e teñen que ver co aspecto económico, laboral, familiar e social. No momento en que vivimos, onde as mulleres seguen a ser obxecto de malos tratos e moitas perden a vida a mans da súa parella ou ex-parella, non cabe ollar para outro lado, debemos dar a cara todos e todas, e asumir homes e mulleres que coa violencia de xénero non caben medias tintas. Contra a violencia machista debemos actuar todos e todas. Somos testemuñas e podemos escoller entre ser cómplices ou ser persoas solidarias que non imos consentir co noso silencio que se lexitimen condutas violentas contra as mulleras que perpetúan concepcións machistas asentadas en valores patriarcais. As cifras de denuncias e de mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano poñen de manifesto dunha maneira brutal, que aínda non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindible a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha excusa para non actuar. Cómpre pois unha implicación real de todas as administración no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. A Deputación de Lugo condea a violencia machista e fai un chamamento á poboación da provincia para evitar esta lacra social.