Deputación de Lugo

O tapiz tridimensional, centra o último curso da programación de primavera do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
Os asistentes poderán experimentar con formas e texturas diferentes coas que elaborarán o tapiz contemporáneo

Un total de 11 cursos completaron a oferta formativa do Centro de Artesanía e Deseño que incluíu vidro, cerámica, téxtil e cestería Este luns dará comezo nos pavillóns do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación o curso de téxtil: o tapiz, formas, textura e volumes. O obradoiro pon fin á programación de primavera que incluíu ademais desta modalidade outras técnicas relacionadas coa cestería, a cerámica e o vidro. Neste caso, o artesán Ramón Álvarez imparte o obradoiro no que os participantes comezarán pola identificación do material, o que se denomina fase de muestrario, para logo pasar á realización dun tapiz a través do cartón individualizado. Trátase de que os asistentes experimenten con forma e volumes diferentes para que o produto final non sexa o típico tapiz tradicional senón algo máis contemporáneo, o que os expertos coñecen como tridimensional. O curso dispón de 35 horas de formación e desenvólvese nos talleres do CENTRAD desde hoxe ata o sábado, 27 de xuño. O horario é de 16:00 a 21:00 horas, agás o día 27 que é de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Unha programación diversa e completa Un total de 11 cursos completaron a oferta formativa do CENTRAD, que incluíu, entre outras técnicas, vidro, cerámica e téxtil. Deste xeito, o centro dependente da Deputación fai un esforzo importante por recuperar obradoiros que se deixaron de realizar desde hai máis de dous anos. A diferenza de edicións anteriores, todos os cursos estiveron dirixidos ó público en xeral partindo do nivel de iniciación. Dentro do obxectivo de potenciar os diferentes oficios artesanais da provincia coa finalidade de que estes non esmorezan no tempo, o CENTRAD incluíu novidades nesta programación. Por primeira vez, impartiuse a técnica de Grisalla, que combina esmaltes, amarelo de prata e vermello ó cobre sobre vidro plano. Os nenos tamén tiveron cabida nos cursos do Centro de Artesanía e Deseño. Deste xeito, impartiuse un obradoiro específico para eles, no que fabricaron cabanas de vimbio. Asimesmo, por primeira vez na historia da programación destes obradoiros e atendendo á demanda dos participantes, ofreceuse un nocturno, no que se deron nocións sobre a cestería de vimbio. A cestería xitana de cana e esparto foi outra das moitas posibilidades que ofreceu a programación de primavera. Artesáns de Galicia e de España amosaron as súas técnicas ós alumnos. O lugués Pablo Mazoy impartiu o de cerámica no torno de alfareiro e a inglesa Lois Walpole amosou as súas creacións baseadas na cestería de reciclaxe.