Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo continúa en Guitiriz coa divulgación da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanecerá na Escola Abanera ata o 17 de decembro

O deputado delegado da Área de Medio Ambiente, Ricardo Parada, acompañado de Laura Vázquez Janeiro, bióloga do INLUDES e da Deputada de Economía e Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, presentarán o luns, día 26, na Escola Abanera de Guitiriz a exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra- Támoga. O Programa LIFE-Natureza”. A mostra que permanecerá no centro educativo ata o vindeiro día 17 de decembro amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. A exposición, que consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual, é un resumo da labor realizada polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. Foi inaugurada no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo co gallo da celebración do seminaro “A Rede Natura 2000 a debate”, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia no Concello fonsagradino e na Casa da Culura de Vegado (Asturias) co motivo da celebración das Xornadas sobre a recentemente declarada Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos, Terras de Burón”. A mostra consta de paneis de interpretación, aparellos de pesca, batuxo e dunha proxección audiovisual, así como dunha visita guiada coa que se dará a coñecer os valores etnográficos e ambientais da Biosfera. Unha vez rematada a estancia na Escola Abanera de Guitiriz a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.