Deputación de Lugo

A Deputación aprobará este mes as obras dos 16 Concellos do canon por valor de 5,7 M€

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destaca que reforzamos a cooperación cos Concellos máis castigados historicamente por esta institución co que poderiamos chamar un segundo Plan E, que formentará o emprego a través da obra pública

O Pleno provincial aprobará o Plan 2008-09 para os 15 municipios que contan con produción hidroeléctrica, á marxe de Chantada, e que suma 4 millóns de euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este martes a Chantada, onde anunciou que o organismo provincial aprobará no Pleno deste mes as obras dos 16 Concellos do canon por valor de 5,7 millóns de euros. No caso do municipio chantadino, que aínda ten execución o de 2008, darase o visto e prace ó Plan de Obras 2009 que suma 1.649.802 euros. Gómez Besteiro indicou que “se ben onte presentabamos na Deputación o que serán as novas liñas de actuación dos próximos dous anos, hoxe podo anunciarlles que reforzaremos a cooperación cos 16 Concellos máis castigados historicamente por esta Deputación co que poderiamos chamar un segundo Plan E, que favorecerá a creación de novos postos de traballo, a través da obra pública”. Precisamente, Gómez Besteiro visitou a estrada que será mellorada grazas á aportación da Deputación con cargo á partida deste ano. “Son aproximadamente 5 quilómetros que enlazan dúas localidades importantes deste Concello: Quinteliña e Brigos. Ademais, esta estrada dá acceso a unha das infraestruturas máis importantes coas que conta este municipio como é o polígono industrial”. O Concello de Chantada está recibindo da Deputación preto de 5 millóns de euros en investimentos, distribuídos en tres anualidades, para pagar o canon hidroeléctrico. O equipo de Goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro, está saldando así unha das principais débedas históricas que arrastraba a institución provincial que se remonta ó ano 1.991, e que a institución provincial arrastraba con este municipio e coa provincia desde hai 18 anos. Trátase do maior investimento realizado pola Deputación neste Concello, polo que non só é unha actuación histórica, senon tamén un investimento necesario e moi demandado polos cidadáns que sofriron durante anos como a anterior Deputación miraba para outro lado neste asunto. Neste senso, o titular provincial subliñou que “é un plan consensuado que servirá tamén para recuperar a estabilidade presupostaria deste municipio, algo que aínda fai máis útil a Deputación, sobre todo porque se produce nun momento de crise económica como o actual”. 4 millóns para os outros canones O titular provincial, que foi recibido polo Alcalde chantadino, Manuel Anxo Taboada, tamén sinalou que o organismo provincial cumpre co resto de municipios afectados polo canon hidroeléctrico. No Pleno de finais de xullo aprobarase o Plan 2008-09 para os 15 municipios que contan con produción hidroeléctrica e que suma 4 millóns de euros. “Aprobamos unha forte inversión en obra pública nestes Concellos, que se traducirá en novos postos de traballo. Non só cumprimos con Chantada senón tamén cos outros municipios que non teñen ninguna sentenza xudicial contra a Deputación que nos obrigue a pagar”. Visita ASDEME Gómez Besteiro tamén aproveitou a súa viaxe ó municipio chantadino para coñecer o Centro de Disminuídos Psíquicos ASDEME. O Centro iniciou a súa actividade en 1.993 e nel residen tanto discapacitados intelectuais como persoas con algún trastorno mental. Consta de dúas partes diferenciadas: o centro ocupacional e a vivenda tutelada. A primeira dependencia dá cabida na actualidade a 30 usuarios e ofrece servizo de mañá e tarde, comedor e transporte, ademais de talleres de serigrafía, carpinteiría, horticultura, limpeza e cociña. A vivenda tutelada dispón de 15 prazas concertadas. No centro traballan 12 profesionais, entre eles 1 traballador social, 1 psicólogo, profesores para impartir os obradoiros, distintos coidadores e 1 cociñeiro.