Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle o I Encontro de Poesía Galega organizado polo Concello de Lugo e por RNE

No simposio participan 18 poetas galegos de grande prestixio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves no I Encontro de Poesía Galega que se desenvolve ata mañá venres no Pazo de San Marcos. Gómez Besteiro amosou no acto organizado polo Concello de Lugo e por Radio Nacional de España a súa satisfacción porque na sede do organismo provincial se dean cita grandes especialistas da literatura e da poesía. “É unha honra que os concellos e entidades da provincia elixan o Pazo de San marcos para a celebración de actos tan importantes coma este”, indicou o Presidente provincial. O máximo mandatario provincial, que felicitou ós organizadores do evento que coincide co sétimo aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, puxo de relevo a predisposición da institución provincial para colaborar na promoción da nosa literatura e da nosa música. Neste senso, indicou que “as institucións debemos colaborar SUMANDO ESFORZOS para que a nosa cultura non permaneza no recordo duns poucos”. Dezaoito poetas galegos de grande prestixio amosarán neste simposio a súa obra na que a cotío fan referencia á cidade luguesa. Gómez Besteiro agradeceulles o labor realizada neste eido, xa que “contribuíron a que o noso Monumento obtivese a distinción da UNESCO”. O Alcalde de Lugo José López Orozco foi o encargado de inaugurar o Encontro. No acto, no que tamén estivo presente o director do programa La Estación Azul que emitirá en directo as tres sesións nas que se divide o encontro, López Orozco salientou a calidade dos poetas que participan neste acto, “representan só a unha parte dos moitos homes e mulleres extraordinarios que hai en Galicia. Temos que ir preparando o II Encontro”. O Alcalde, destacou a importancia que ten un encontro destas características, que se emite en directo a través dun medio de comunicación público e para toda España, para dar a coñecer a obra dos escritores galegos “son persoas capaces de expresar os sentimentos do ser humano, o máis difícil de comunicar. Queremos que todos saiban que aquí hai un país que soña, imaxina e ama”. O Alcalde e o Presidente da Deputación remataron as súas intervencións recitando un poema de Rosalía de Castro e de Lorenzo Varela respectivamente. López Orozco agasallou a todos os poetas participantes no encontro cun exemplar do libro Poetas en Lugo editado recentemente polo Concello O Encontro comezou oficialmente coa interpretación musical do cantautor lucense Fran Pérez. Este acto enmárcase nas actividades de conmemoración do VII Aniversario da proclamación da muralla como Patrimonio da Humanidade, organizadas polo Concello.