Deputación de Lugo

O INLUDES abrirase á sociedade e buscará proxectos rendibles para a provincia

Constituidos os órganos de dirección do INLUDES: o consello reitor e a comisión executiva

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, deron conta esta mañá da primeira reunión do consello reitor do INLUDES, organismo autónomo derivado da Deputación de Lugo. Ademais de quedar constituido dito consello e a comisión executiva do INLUDES, os dirixentes políticos do INLUDES avanzaron que adquirirá maior protagonismo no futuro, ampliará os seus orzamentos con respecto ó ano pasado, e abrirase á sociedade na busca de proxectos que aporten valor engadido á provincia de Lugo. “Queremos que sexa máis permeable coa sociedade e que se abra á mesma. A nosa obsesión non é a toma de posesión de empresas ou acaparar grandes porcentaxes, senón axudar ós Concellos cando nos necesiten e saber retirarnos cando xa non facemos falta”. Con esta declaración de intencións, José Ramón Gómez Besteiro avanzaba as novas liñas de traballo que seguirá o organismo autonómo. “A intención é chegar a todos os sectores económicos nos que o INLUDES pode ofrecer os seus servizos no eido forestal, pesqueiro, artesanal e agrogandeiro”. O Presidente tamén adiantou que o INLUDES ampliará os seus orzamentos con respecto ó ano anterior e serán aprobados na próxima reunión do consello reitor, xa que a súa validación é imprescindible antes de levar os presupostos da Deputación ó Pleno provincial. Pola súa banda, a Vicepresidenta segunda da Deputación e responsable política do INLUDES destacou que “hoxe abrimos as portas do INLUDES ó exterior e marcamos un antes e un despois”. Proba da nova filosofía do instituto é o centro de recría de gando que se está a deseñar para que abra as súas portas o vindeiro ano na GRANXA GAYOSO CASTRO. “Vai dar un pulo moi importante ó sector agrogandeiro. A granxa tiña que cambiar de competencias porque senón poderiase entender como competencia desleal ó sector”, afirmou Lara Méndez. Con respecto ó CENTRAD, a Vicepresidenta explicou que “queremos que volva ser un referente para os artesáns da provincia e traballaremos pola conservación dos oficios e artes tradicionais. O Centro de Artesanía e Deseño pode ser un referente en España pero tamén internacionalmente porque tén cualidades para selo”. Tamén adiantou que están avaliando as necesidades das pequenas e medianas empresas para presentar liñas de actuación para elas. Órganos de dirección Esta mañá quedou constituido e tomou posesión o consello reitor que, a diferenza dos mandatos anteriores, conta coa participación da oposición. Neste senso, o Presidente destacou que “a oposición poderá controlar os orzamentos do INLUDES que sempre foi unha das nosas reivindicacións cando non estabamos no goberno”. O consello reunirase unha vez cada tres meses e está formado polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro; o Vicepresidente, Xosé Antón Bao Abelleira; os Vogais: Lara Méndez, Regina Polín, Juan José Díaz Valiño, Ricardo Parada, María José Vega, José Manuel Barreiro, Horacio Rouco, José López Fontal, Manuel Dacosta Ribera, Miguel Ángel López Varela, Xosé Lois Devesa Novo e José Paleo Rodríguez. A comisión executiva, un órgano semellante á xunta de goberno da Deputación, reunirase unha vez ó mes e quedou constituida da seguinte forma: Presidente, José Ramón Gómez Besteiro; Vogais: Xosé Antón Bao Abelleira, Lara Méndez, Juan José Díaz Valiño e Ricardo Parada. José Manuel Barreiro e María José Vega non puideron asistir a esta primeira sesión.