Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo establecerá tres mesas de traballo coa Xunta de Galicia para mellorar a calidade de vida nos concellos

A reunión do Presidente da Xunta cos mandatarios das catro Deputacións recoñece o papel e a utilidade dos organismos provinciais

O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuniuse esta mañá cos titulares das catro Deputacións Provinciais galegas. Asistiron á xuntanza o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o de Ourense, José Luis Baltar; e o de Pontevedra, Rafael Louzán. A reunión foi para o titular da Deputación lucense: “moi cordial e, sobre todo, produtiva. Por vez primeira o Presidente da Xunta reuniu ós catro presidentes das entidades provinciais, recoñecéndose así o papel que temos que xogar as Deputacións. En segundo lugar tocáronse os temas que preocupaban ás Deputacións e que teñen como obxectivo facerlle a vida máis fácil ós concellos e chegar onde eles non poden chegar, é dicir, o municipalismo”. Para o xefe do goberno galego o encontro de hoxe “desenvólvese no ámbito das competencias de réxime local e, por tanto, na análise daqueles servizos onde as deputacións colaboran cos municipios de menor poboación e menos recursos”. O obxectivo é, segundo o Presidente da Xunta, “garantir os servizos e promover a igualdade no acceso a eses servizos”. Acordos acadados Durante o encontro desta mañá, o Presidente da Xunta acordou cos presidentes das Deputacións Provinciais constituír unha mesa de traballo que afonde no desenvolvemento da Lei de Emerxencias co obxectivo de concluír o pleno desenvolvemento dese texto antes das próximas eleccións municipais. Así mesmo, entre os acordos acadados destaca a aposta por finalizar a construción dos parques comarcais necesarios e garantir a maior cobertura posible do territorio articulando consorcios provinciais. Segundo o acordo adoptado esta mañá, será convocada unha mesa de traballo neste sentido desde a Consellería de Presidencia e nela participarán representantes das catro Deputacións Provinciais. Neste caso Lugo parte dunha situación diferente ás restantes provincias. “En Lugo xa temos un acordo coa Consellería de Presidencia sobre a rede de parques de bombeiros pero tamén quedou clara nesta reunión a situación específica dalgunhas zonas de Lugo e de Ourense. Preocupábame que houbese un tratamento diferenciado para a montaña lucense e, como non podía ser doutro xeito, tivo unha resposta positiva por parte do Presidente da Xunta”, explicou Gómez Besteiro. Transferencia de estradas No tocante ás estradas, unha vez aprobado o Plan de Infraestruturas, promovido pola Xunta, analizarase a posible transferencia da titularidade de estradas provinciais á Comunidade Autónoma. Deste xeito, unha vez aprobado o Plan de Infraestruturas, a Consellería de Política Territorial promoverá mesas de traballo de ámbito provincial con participación das Deputacións e da FEGAMP, tal e como se acordou hoxe. Nestas mesas analizaranse as características das infraestruturas, os fluxos circulatorios e demais parámetros, con fin de propoñer as solucións axeitadas a cada caso. A Deputación de Lugo xa comezara a traballar neste asunto coa Consellería de Política Territorial despois da primeira reunión oficial que mantiveran no pasado verán Gómez Besteiro e María José Caride. Por outra banda, atendendo aos problemas que plantexen os servizos de abastecemento de augas e a recollida de residuos, a Consellería de Medio Ambiente estudará e proporá fórmulas que melloren a coordinación deses servizos coa participación dos entes provinciais. Tamén para o Presidente da Deputación de Lugo este é un punto moi interesante xa que moitos concellos vense seriamente limitados na actualidade.