Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación defende o
medio rural galego

Lara Méndez inaugurou o XVIII Curso de Conferencias: Impactos Ambientais: Desagrarización e Desenvolvemento Rural en Galicia

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este luns o XVIII Curso de Conferencias: Impactos Ambientais: Desagrarización e Desenvolvemento Rural en Galicia que está organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola institución luguesa. O ciclo de conferencias desenvolverase no Pazo de San Marcos desde este luns ata o xoves, día 22, e do 26 ó 28 de novembro. “As conferencias amosan, sen dúbida, a necesidade de preservar o noso rural ante o enorme impacto ambiental que recibe día a día pola acción do home. Para evitar isto, as institucións tamén deben colaborar SUMANDO ESFORZOS”, indicou Lara Méndez. A Vicepresidenta Segunda da Deputación destacou que o desenvolvemento rural, unido á valorización dos nosos montes e da nosa agricultura, deben ser tres elementos fundamentais na economía da nosa provincia, “polo que aquelo que supoña un ataque contra o noso medio é de interese para a Deputación de Lugo”. Lara Méndez lembrou que a provincia de Lugo conta cunha extensa reserva da biosfera que aglutina ecosistemas únicos en Europa. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda, indicou que “a Deputación apostará pola investigación e pola innovación empregando unha xestión clara e transparente, de xeito que estes dous elementos deben rexir as novas denominacións de orixe, así como a potenciación da agricultura ecolóxica situándoa como un instrumento valioso para fixar poboación”. A Granxa Gayoso-Castro, propiedade do organismo provincial que permaneceu no olvido durante varias décadas, tamén foi obxecto de mención da Vicepresidenta Segunda. Lara Méndez asegurou que o novo equipo de goberno aproveitará as sinerxias que ofrece o Campus de Lugo. “Ámbalas dúas entidades traballaremos conxuntamente en programas de mellora xenética, na recuperación de razas autóctonas ou no incentivo de cultivos alternativos, por exemplo. E é que a xente do campo, o noso rural e os nosos montes son necesarios”, destacou a Vicepresidenta Segunda. A primeira deste ciclo de conferencias correu a cargo do Director Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. Para a Vicepresidenta Segunda, as xornadas “permitirán abrir novas vías de coñecemento a todos o profesionais do sector. Só SUMANDO ESFORZOS, conseguiremos impulsar o noso rural”, concluiu Lara Méndez.