Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo destina 30.000 euros para adquisición do sal que se empregará nas vías provinciais durante o inverno

Empresas contratadas pola Deputación atenderán calquera incidencia durante as 24 horas do día

A Deputación de Lugo destina 30.000 euros á adquisición de sal para a subministración dos silos que ten situados nos concellos de Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Meira, O Incio, Ourol, Valdouro e Lugo. O voceiro provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas, sinalou que “é a primeira vez que a Deputación compra sal para estes silos que ata o de agora non se utilizaran”. A Xunta de Goberno celebrada hoxe venres ratificou o decreto da Presidencia do 17 deste mes polo que se aproba o expedente administrativo para proceder a devandita adquisición cun prazo de entrega de 15 días. Esta decisión tomouse con carácter de urxencia ante a próxima chegada do inverno para poder actuar axeitadamente en caso de nevadas e formación de xeo nas estradas da rede viaria provincial. As encargadas de botar este sal “serán as empresas contratadas pola Deputación para atender todo tipo de incidencias que sucedan na rede viaria provincial os 365 días do ano as 24 horas do día”, anunciou Gato Soengas. A provincia foi dividida en once zonas para as que se elaboraron senllos proxectos. Nove deles xa están adxudicados, e os outros dous quedan pendentes de adxudicación. Trátase dos que atinxen, por unha banda, a Navia de Suarna, e por outra, ós concellos de Muras, Ourol, Viveiro e o Vicedo. As adxudicatarias deberán encargarse de atender a calquera hora do día os problemas que ocasione na rede viaria provincial a neve ou o xeo, ou outro tipo de incidencias como caída de árbores, desprendementos de terra ou desperfectos que provoque na vía un accidente de tráfico. A súa disponibilidade todo o ano suponlle á Deputación un custo de 23.600 euros por cada zona. Nesta partida inclúense os desplazamentos, a maquinaria e o persoal. A esta cantidade haberá que engadirlle o gasto que xenere cada actuación concreta. Ademáis do traballo que desenvolvan estas empresas durante o inverno, a Deputación dispón de dous camións propios con escudo quitaneves. Como novidade, este inverno está prevista a adquisición de dous saleiros para que estes vehículos poidan trasladar e botar o sal Outros acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e a Universidade de Santiago de Compostela para a actualización da Enquisa de Infraestructuras e Equipamentos Locais (E.I.E.L) 2007. O obxectivo deste convenio é actualizar a devandita enquisa nos 66 concellos da provincia de Lugo que teñen menos de 50.000 habitantes. Por este traballo, a Deputación aboará á USC 19.920 euros. Por outra banda, concedeuse unha prórroga de tres meses á empresa Construcciones y Transportes Paulino González S.L., para o remate da obra de reparación de vías provinciais na zona de Ourol e Muras. Esta prórroga non implica unha revisión dos prezos que figuran no contrato.