Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño organiza esta fin de semana un curso de cestería de cana e vimbio

Os interesados poderán inscribirse antes do vindeiro xoves

O Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana un curso de cestería de cana e vimbio, no que se elaborará un cesto “pelapatacas” catalán. Esta actividade conta con oito prazas ás que poderán optar, por orden de preferencia, cesteiros, floristas, profesionais do contorno, artesáns do téxtil, artesáns doutras disciplinas, artistas, creativos e público en xeral. A matrícula para participar nesta actividade é de 32 euros, e todos os interesados poderán inscribirse ata dous días antes do comezo do curso no número de teléfono 982 210 066. Celebrarase o 27 e 28 de outubro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas no Obradoiro de Cestería que está ubicado no Paseo do Rato. O curso, de 16 horas, será impartido polo artesán catalán Lluis Grau, e o programa inclúe a identificación de material, técnicas e ferramentas. Ademais, os alumnos poderán coñecer a técnica de fondo catalán redondo e elaborar cordóns e tecido de dous cestos ensamblados. Esta actividade forma parte do programa de outono de cestería 2007 que organiza o CENTRAD, que inclúe un total de 6 cursos.