Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo clausura o acto de inauguración da XXIII Reunión da Sociedade Galega de Patoloxía Dixestiva

O Pazo de San Marcos acolle estas xornadas que rematarán este sábado

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este venres o acto de inauguración da XXIII Reunión da Sociedade Galega de Patoloxía Dixestiva que se celebra no Pazo de San Marcos ata mañá. Gómez Besteiro realizou a súa intervención en castelán dado que a maior parte dos profesionais asistentes son de fóra de Galicia. No acto no que tamén estiveron presentes o Presidente do Comité Organizador, Leopoldo López Rosés, o Director Provincial do Servizo Galego de Saúde, José Luis Rodríguez López e o acalde de Lugo, José López Orozco, Gómez Besteiro destacou a calidade das xornadas nas que se abordan asuntos tan importantes como a problemática do cancro de páncreas ó tempo que se congratulou de que o Pazo de San Marcos sexa o espazo elexido para a celebración desta Reunión. “O novo equipo de goberno está abrindo esta institución para todos os que, como vostedes, fan posible que todos os nosos cidadáns teñan a mellor calidade de vida posible, como di o lema da Deputación, SUMANDO ESFORZOS é a única maneira de que consigamos o mellor para a nosa sociedade”. Antes de dar por inauguradas estas xornadas, Gómez Besteiro, incidiu en que “a provincia de Lugo conta cunha poboación envellecida, polo que os achaques de saúde son tamén mayores; dobre motivo para que esta Reunión sexa de notable interés para todos nós”. Finalmente, convidou ós asistentes a que descubran a historia, a paisaxe e a gastronomía da nosa provincia.