Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo poñerá en marcha a finais de ano o Obradoiro de Emprego “Servizos á Comunidade II” que formará auxiliares de axuda no fogar

A Vicepresidenta Segunda da Deputación e o Delegado da Consellería de Traballo en Lugo asinaron o convenio de constitución do grupo de traballo mixto

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o delegado da Consellería de Traballo en Lugo, Miguel Vázquez Calvo, asinaron este mércores o convenio de constitución do grupo de traballo mixto que permitirá poñer en marcha a finais de ano o obradoiro de emprego “Servizos á Comunidade II”. Trátase do segundo proxecto solicitado polo INLUDES, orientado á atención a domicilio. Lara Méndez salientou que “debido á poboación avellentada e á dispersión xeográfica coa que conta a provincia, estes obradoiros son dobremente interesantes”. A iniciativa, promovida polo INLUDES –organismo dependente da Deputación de Lugo- formará auxiliares de axuda no fogar. Para o seu desenvolvemento, a Consellería de Traballo, destinará 686.625 euros e contrataranse tres mestres das especialiades de Traballo Social, Educación Social e Enfermería, ademais dun administrativo e 35 alumnos que deben ser maiores de 25 anos e estar desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego. Este obradoiro, a través da formación, contribúe á inserción laboral dos asistentes, principalmente mulleres. A Vicepresidente Segunda indicou que se trata dun proxecto “eminentemente práctico que a través da formación permitirá a inserción das mulleres de entre 25 a 65 anos nun nicho de mercado cada vez máis solicitado”. Lara Méndez amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento destes proxectos, dos que asegura “os resultados din que o acceso ó mercado laboral está a ter unha alta porcentaxe”. O obradoiro poñerase en marcha a finais de decembro cando o proceso de selección tanto do persoal como dos alumnos-traballadores estea rematado. Os participantes realizarán as prácticas no hospital de San José, na residencia de anciáns de San Roque, no centro psiquiátrico de Castro Riberas de Lea e nas instalacións de ASPNAIS de Lugo, tal e como indicou o delegado da Consellería de Traballo en Lugo, Miguel Vázquez Calvo. O delegado do departamento autonómico en Lugo indicou que estes obradoiros se enmarcan dentro das políticas activas da Consellería da que forma parte. Vázquez Calvo sinalou que a finalidade destes proxectos “non é realizar unha obra concreta, senón establecer as bases para que os asistentes poidan desenvolver a súa propia profesión no mercado laboral”. 11 proxectos Na provincia de Lugo estanse a desenvolver oito obradoiros, dúas escolas taller e unha unidade de desenvolvemento local, esta última impulsada pola Cámara de Comercio. En total 11 proxectos que contan cun orzamento de 7.463 euros, dos que 5.100 euros corresponden a obradoiros de emprego promovidos polos concellos de Meira, Monterroso e Castroverde, así como pola Mancomunidade de Municipios Río Ouro integrada polos concellos do Valadouro e Alfoz, pola Asociación de Ferrocarrís de Galicia, a Aula de Productos Lácteos do Campus de Lugo e, o propio INLUDES.