Deputación de Lugo

Os Alcaldes da Montaña piden a Besteiro a máxima implicación na loita contra incendios

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación ratificou o seu compromiso para que a Montaña teña unha cobertura do 100% en materia de atención de urxencias e adiantou que “non aceptarei ningún recorte na seguridade dos veciños desta provincia”.

A petición dos 8 rexedores da zona, entrevistáronse co máximo responsable provincial para expoñerlle a dramática situación que viven os seus Concellos en materia de emerxencias. Gómez Besteiro plantexa que se reforze cada Concello con máis persoal e maquinaria “porque unha zona tan específica deberá ser atendida de xeito diferente”. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ratificou este martes en Cervantes o seu compromiso para que os Concellos da Montaña teñan unha cobertura do 100% na loita contra incendios, e adiantou que “non aceptarei ningún recorte na seguridade dos veciños desta provincia, independentemente do lugar onde residan”. Ó remate dunha reunión, que lle solicitaron ós 8 Alcaldes da Montaña e na que estes lle expuxeron a dramática situación que sufren os seus municipios en materia de emerxencias, o máximo responsable provincial dixo que “recortar na seguridade das persoas non é austeridade, polo que desde a Deputación non permitiremos nin rebaixas nin saldos nesta materia. Nós pediremos o que estamos dispostos a dar”. No encontro, no que participaron ós Alcaldes de Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro e o tenente de Alcalde de Negueira de Muñiz, e á que finalmente non puido asistir o rexedor das Nogais porque tiña unha viaxe fóra de Galicia, os mandatarios municipais expuxeron a Gómez Besteiro a precariedade absoluta de medios materiais e humanos coa que deben atender as emerxencias que xurden nos seus Concellos. Gómez Besteiro dixo que “esta é unha zona específica, que terá que ser tratada de forma distinta porque non pode ter os mesmos parámateros que Lugo e A Mariña. Isto será o que debemos decidir entre a Deputación e a Xunta”. Neste senso, o Presidente plantexou que os Concellos deberán implicarse na xestión e expuxo a posiblilidade de que se reforze cada municipio con máis persoal e maquinaria, “xa que só con dous parques en Becerreá e A Fonsagrada non se podería atender axeitadamente unha área tan grande, que ten unha ortográfica tan complicada”. O titular provincial coñeceu de primeira man as demandas dos rexedores da Montaña antes de pechar co Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a vindeira reunión do Consorcio Provincial de Bombeiros, e na que reclamará “unha cobertura contra incendios do 100% da provincia, xa que non pode quedar desatendida ningunha parte da poboación”. Ademais, desprazouse ata a parroquia de Vilanova, unha das zonas afectadas polos lumes forestais que este verán asolaron o Concello de Cervantes, e entrevistouse cos veciños para coñecer in situ a situación que sufren frecuentemente. Máis de dúas horas Fronte ó tempo de desposta de entre 5 e 20 minutos nos parques que está a construír o Consorcio Provincial de Bombeiros desde o cambio de goberno na Deputación e co-financiado ó 100% pola Deputación e a Xunta, a Montaña lucense queda desprotexida e na maioría dos casos son necesarias máis de dúas horas para chegar ó lugar da continxencia. O Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, dixo que “as carrocetas son atendidas por traballadores que se adican a outras tarefas, polo que hai que chamalos e despois desprazarse ó lugar da emerxencia. Poden tardar varias horas en chegar ó incendio, cando todos sabemos que a primeira media hora é primordial para atender estes casos”. Segundo apuntou o rexedor de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, “fóra do horario laboral chámanme a min, que son o encarado de reunir á xente, e nós tardamos como mínimo unha hora en chegar ó lugar do lume”. Outra queixa xeneralizada dos Alcaldes é a falta de preparación das persoas que atenden as urxencias. O Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, lembrou o incendio ocorrido en novembro do ano pasado nun piso da localidade, no que “ata un operario do Concello resultou ferido. Para facer fronte ó lume nunha casa necesitamos tanto material específico como persoal especializado… dos que carecemos”. Vehículos obsoletos En canto ós vehículos, na maoría dos casos só teñen unha vella motobomba “con continuas averías, e un vehículo máis pequeño cunha capacidade de menos de mil litros e sen tracción traseira que desde logo non é o axeitado para desprazarse na Montaña”, segundo apuntou o Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Este municipio, o único da zona que dispón dun Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir), foi o máis castigado nos últimos anos por lumes en vivendas “Desde que cheguei a Alcaldía, a mediados do 2007, houbo 6 incendios e atendéronse outros 2 en Baralla. Houbo algún especialmente dramático como o que tivo lugar en San Pedro en decembro do ano pasado mentres dormían catro persoas, unha delas discapacitada, que puido ser evacuada grazas á axuda dos veciños”. O Alcalde de Folgoso do Courel, José López Fontal coincidiu en que os medios non son axeitados para sofocar os incendios en vivendas: “Aquí tivemos un caso no que houbo que levar a auga en tractores, porque a motobomba non podía acceder á casa afectada”. Investimentos da Deputación Desde que a Deputación iniciou a posta en marcha da rede provincial de parques de bombeiros, o actual equipo de goberno leva investidos 5.885.259 euros, poñendo fin a outra débeda histórica da provincia, a única galega sen parques de bombeiros. A administración provincial xa mercou ou está a contratar 3 millóns de euros para a dotación dos 5 parques que están en obras. Ademais, hai que engadir 1 vehículo de rescate en altura (555.000 euros), catro coches urbanos lixeiros (978.149 euros), 2 mixtos de extinción e rescate en altura (991.451 euros), outros 236.000 euros en equipamento xeral e 175.000 euros en 5 todoterrenos para que os capataces dos futuros parques de bombeiros cheguen no menor tempo posible ó incendio.