Deputación de Lugo

O Alcalde, o Presidente da Deputación e o Reitor da UNED asinan o Consorcio para crear un centro asociado en Lugo

López Orozco sinalou que deste xeito Lugo consegue outra das metas polas que tanto se traballou dende o Concello

Lugo deixa de ser a única capital galega sen UNED O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da UNED, Juan Antonio Gimeno Ullastres, asinaron o convenio de constitución do Consorcio Universitario Centro Asociado da UNED en Lugo. Este é un paso máis no camiño percorrido polos organismos asinantes para que se materialice e se poña en marcha este proxecto impulsado por López Orozco. O Alcalde salientou a importancia deste día: “cúmprense os desexos de moitos lucenses que traballaron para que Lugo tivese UNED. A colaboración entre institucións públicas e privadas demostra unha vez máis que é o xeito de que avancen os pobos”. López Orozco agradeceu o traballo feito a todos aqueles que fixeron posible o día de hoxe, “o mellor que pode ofrecer esta provincia é persoas que compitan en coñecementos, iso favorecerá ao conxunto da cidadanía. Nós queremos sumar cos demais centros para garantir oportunidades de formación en Lugo e na provincia”. Foi necesario un cambio de goberno na Deputación Provincial, que hoxe preside José Ramón Gómez Besteiro, para que se fixera realidade esta iniciativa que promoveu desde hai anos o Concello de Lugo, pero que nunca contou cos apoios necesarios para saír adiante. Gómez Besteiro sinalou que “a Deputación Provincial aspiraba a solucionar este conflito que tiña clavado o actual goberno como asignatura pendente”. Besteiro agradeceu aos alcaldes da provincia e a José López Orozco, como Alcalde da capital, a suma de esforzos para sacar adiante este proxecto “que nos dignifica como provincia e como cidade”. O obxectivo deste Consorcio que agora se constitúe, é o sostemento e a dirección do centro como unidade académica da UNED, a fin de servir de apoio ao ensino superior e colaborar ao desenvolvemento cultural do contorno. Lugo deixa así de ser a única capital de provincia galega sen centro asociado da Universidade de Educación a Distancia. O centro asociado instalarase en Lugo nos locais que facilita ao Concello a Cámara de Comercio -concretamente no Forcam- e que están situados na rúa Cántigas e Frores, no barrio de Augas Férreas. O Consorcio, integrado polo Concello, a Deputación e a UNED, deberá asumir os gastos de mantemento, rehabilitación, reparación e mellora do edificio, así como as obras de interior que se realicen (tabique, solo, teitos, luz, auga, calefacción, etc). Tal e como recolle o Convenio asinado hoxe, esta entidade contará cun Padroado constituído por 12 membros: - Reitor Magnífico da UNED ou persoa en quen delegue. - Secretaria Xeral da Universidade ou persoa en quen delegue. - Alcalde de Lugo ou persoa en quen delegue. - Presidente da Deputación Provincial de Lugo ou persoa en quen delegue. - Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. - Presidente da Cámara de Comercio de Lugo. - Representante de Caixanova. - Representante de Caixa Galicia. - Director do Centro asociado. - Representante dos profesores titores do Centro. - Delegado de Estudantes do Centro. - Representante de Persoal de Administración e Servizos do Centro. - Secretario do Centro con voz e sen voto. Este Padroado reunirase polo menos unha vez ao ano e asumirá as facultades que lle correspondan como órgano superior de dirección, administración e representación. Financiamento O Consorcio financiará todos os gastos correspondentes ao orzamento anual de funcionamento (dirección e coordenación, administración, servizos, titorías, locais, edificios, instalacións e materiais, etc). Pola súa banda, a UNED concederá ao centro unha axuda económica equivalente ao 40% dos ingresos pola matrícula dos estudantes do centro. O resto de institucións que financian a posta en marcha da UNED na capital comprométense a actualizar anualmente as súas contribucións económicas dacordo co IPC. As aportacións das principais institución son dunha partida de 130.000 euros por parte do Concello de Lugo e de 200.000 euros por parte da Deputación Provincial. Este novo centro da UNED, que está previsto que comece a funcionar no curso 2008-2009, impartirá asignaturas diferentes ás postas no mercado polo campus que a Universidade de Santiago ten en Lugo. Esta foi unha das decisións adoptadas nas distintas xuntanzas mantidas polos que hoxen integran o Consorcio. Será, como dixo o Alcalde en numerosas ocasións, unha institución que facilite estudos alternativos aos estudantes lucenses, e en ningún caso competirá coas titulacións que a USC ten en Lugo. Para iso, está previsto levar a cabo un estudo que analice a demanda dos potenciais alumnos. As previsións apuntan a que nun ano a matrícula da UNED en Lugo, supere os 1.500 alumnos.