Deputación de Lugo

A Deputación enviou ó xurado de expropiacións todos os expedentes do POL 2006

O Delegado de Infraestruturas confía en que as obras poidan rematarse antes de finais de ano e non se perdan as subvencións europeas

O Delegado de Infraestruturas da Deputación de Lugo, Manuel Martínez, anunciou este venres que xa foron remitidos ó Xurado de Expropiacións de Galicia todos os expedentes expropiatorios dos Plans Operativos Locais 2005 e 2006 e do Plan de Obras e Servizos 2005. Martínez sinalou que “quedan por rematar os expedentes de sete proxectos do POS 2006. Con respecto ó POL 2006 enviouse toda a documentación porque son as obras que teñen menos prazo para a súa execución, xa que antes de que finalice o ano deben estar rematadas. Esperamos que dentro de dous ou tres meses conteste o Xurado de Expropiacións e que non se perda o 80% dos cartos que pon o FEDER para este tipo de obras”. Os actuais responsables provinciais están a realizar un importante esforzo para axilizar estes expedenetes, que sufrían un considerable retraso cando chegaron ó goberno, co obxectivo de que non se perdan as subvencións europeas. O Delegado de Infraestrutas confía en que a finais de marzo estean liquidados todos expendes do POS e do POL do ano 2006 “co que entraríamos na normalidade para poder comezar coas obras de 2007”. Manuel Martínez, que actuou hoxe como voceiro do grupo socialista, fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que se aprobaron varias resolucións de reclamacións presentadas a expedentes expropiatorios de obras do POS 2005 e dos POL 2005 e 2006, así como o prego que rexerá o contrato para realizar unha auditoría das obras cofinanciadas polo FEDER no primeiro trimestre de 2007, ó que de destina 27.000 euros. O órgano de gobeno da Deputación tamén aprobou o proxecto reformado das obras de saneamento e abastecemento de agua en Cruzul e Venta de Cruzul, no Concello de Becerreá. “Varias casas deste núcleo de poboación teñen problemas de abastecemento que non estaban recollidos no proxecto inicial. Por iso se aproban unha obras complementarias para que a auga chegue en condicións de presión suficiente”, apuntou Manuel Martínez, quen tamén dixo que “ ademais contémplase un cambio de ubicación da depuradora porque afectaba á ponte de Cruzul que está protexida por Patrimonio”. Por outra banda, acordáronse varias modificacións no proxecto de abastecemento de auga en Leirado, do Concello de Láncara, que non afectan ó presuposto inicial. Outro dos puntos aprobados foi a adxudicación, por 29.930 euros, do contrato para a adquisición de sal. Martínez lembrou que “por primeira vez a Deputación está empregado sal nas estradas provinciais, e mesmo habilitou un novo silo, en Pedradita. O feito de que se esgotase a primeira partida destinada á compra de sal demostra que se está a prestar un bo servizo.”