Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo implantará a administración electrónica nos Concellos da provincia

O organismo puxo en marcha unha auditoría que determinará as necesidades dos Concellos en materia de novas tecnoloxías

A Deputación de Lugo está a realizar unha auditoría para implantar nos Concellos da provincia a administración electrónica. Así o anunciou o voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas, quen afirmou que “se está realizando a auditoría para avaliar a situación de cada un dos Concellos de cara a implantar nos mesmos a administración electrónica”. Neste senso, Gato Soengas explicou que se realizaron visitas en 12 municipios, o que representa o 18% dos Concellos. O voceiro provincial socialista asegurou que a auditoría vai a bo ritmo polo que estará rematada proximamente. Antonio Gato indicou que das 41 entrevistas realizadas extráese a necesidade de ofertar cursos de formación en materia de novas tecnoloxías para os funcionarios da administración local. Neste senso, dixo que “desde a Área de Formación da Deputación ofrecerase esta formación, xa que a administración electrónica e unha oportunidade grande para facilitar o acceso dos cidadáns á institución provincial. Para iso colaboraremos cos Concellos da provincia respostando ós intereses dos veciños e das veciñas”. Canon de Chantada Logo de dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, Gato Soengas ratificou o compromiso da Deputación para saldar a débede histórica do canon co Concello de Chantada. Neste senso, o voceiro provincial socialista subraiou que o actual equipo de goberno foi o que solucionou a problemática co municipio chantadino. O Deputado socialista lembrou, ademais, que “existían incumprimentos de sentenzas xudiciais de todo tipo. A Deputación anterior o único que fixo foi obstaculizar o cumprimento marcado polos distintos tribunais en relación co canon hidroeléctrico”. Deste xeito, Gato Soengas destacou que “durante moitos anos houbo un desprezo absoluto ás reivindicacións do Concello de Chantada e dos seus veciños e veciñas, así como un pasotismo total do Alcalde anterior nos Plenos nos que se abordou este asunto”. Por outra banda, o voceiro provincial do PSOE aclarou que a competencia para redactar o plan de actuación en relación coas obras, que se farán ó amparo do pagamento do canon, correspóndelle á propia Deputación. “Esto non é nin máis nin menos que cumprir co que se estableceu no protocolo nun primeiro momento e logo co convenio aprobado polo Pleno da Deputación, polo que o señor Barreiro equivócase nas súas declaracións”, afirmou Gato Soengas. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno aprobou catro contas xustificativas correspondentes ó Plan de Comunidades Veciñais do ano 2006. En total, as obras, unha en Antas de Ulla, dúas en Castroverde e outra en Foz, suman un presuposto de 44.248 euros, dos que a Deputación achega 25.043 euros. “Estamos facendo un traballo serio e riguroso na resolución de todos e cada un dos expedentes. Pedímoslles algunha paciencia máis ós presidentes das Comunidades, pero garantizámoslles que non terán ningún problema na cobranza”, engadiu o voceiro provincial socialista. A Xunta de Goberno tamén aprobou a resolución do Xurado de Expropiacións de Galicia correspondente a tres expedentes de execución de obra que se inclúen dentro do POS 2005 e POL 2006. No primeiro caso, inclúese unha no Concello de Ribeira de Piquín e, no segundo, unha en Chantada e a outra en Xove. “Deste xeito, estamos traballando para rematar con estas dificultades que atopamos na resolución dos expedentes das obras de acordo coa remisión do Xurado de Expropiacións e evitamos que se perdan as subvencións da administración do Estado”, concluiu Gato Soengas.