Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación recibiu a 72 alumnos franceses que visitaron o CENTRAD

Os alumnos que están de intercambio no colexio San José construíron un asubío e un mirlintón

A Vicepresidente Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este venres no Centro de Artesanía e Deseño do organismo provincial a 72 alumnos de Cantere, da rexión francesa de Médoc. Lara Méndez deulles a benvida ós rapaces que realizaron unha visita guiada ó CENTRAD da man dos artesáns que traballan no obradoiro de instrumentos musicais. Deste xeito, os escolares puideron ver o obradoiro e coñecer cal é o proceso de fabricación dos instrumentos, así como o material que se emprega para a súa elaboración. Os escolares de segundo de ESO, que participan nun intercambio co colexio lugués de San José, tiveron a oportunidade de poder construír eles mesmos dous instrumentos: un asubío (instrumento pequeno e oco que emite un son agudo cando se sopra nel) e un mirlitón (instrumento musical da familia dos membranófonos que engade variedades tonais cando se tararea a través del e que provén das antigas tribus africanas que empregaban o instumento para comunicarse). A iniciativa enmárcase dentro do obxectivo de dar a coñecer o patrimonio artístico e musical galego, así como o labor que desenvolven os artesáns que traballan nos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño. Os artesáns do CENTRAD asesoraron en todo momento ós alumnos nas tarefas de construción dos instrumentos ó tempo que lles explicaron a historia do taller e a exposición permanente inaugurada no mes de marzo polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, que contén unha colección formada por 402 pezas, entre as que se atopan réplicas de instrumentos medievais únicos en Europa.