Deputación de Lugo

Visita Institucional do Vicepresidente Primeiro da Deputación e do responsable de Cultura e Deportes a Ribadeo

A Deputación contemplará, para o 2008, partidas orzamentarias para a mellora do vello pabellón de deportes

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o responsable da área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, realizaron na mañá de hoxe unha visita institucional ao concello de Ribadeo onde foron recibidos polo alcalde e por membros da corporación. Logo de realizar unha visita ás dependencias municipais, o vicepresidente plasmou a súa sinatura no libro de ouro do concello. Tras a sinatura houbo un intercambio da agasallos institucionais entre os representantes dos gobernos de ambos organismos e unha pequena rolda de prensa onde Antón Bao comentou o apoio que a Deputación vai destinar recursos para o mantemento de instalacións deportivas e culturais, ademais anunciou que tamén haberá liñas de axudas para actividades deportivas e culturais que sirvan para impulsar o movemento asociativo. Segundo indicou Antón Bao durante a rolda de prensa “a deputación ten como obriga fundamental a colaboración cos concellos para que eles sexan os protagonistas da política nas comarcas de Lugo” con esta afirmación Bao fixo referencia á necesaria axuda que os concellos deben de recibir dende institucións como a Deputación para desenvolver proxectos que por si mesmos non teñen capacidade para executalas. Tanto Bao como Veiga participaron nunha xuntanza privada no despacho da alcaldía na que o rexedor municipal plantexoulles aos responsables do goberno da deputación diversos proxectos que o concello pretende iniciar en breve. A DEPUTACIÓN IMPLICARASE NA REMODELACIÓN DO VELLO PAVILLÓN DE DEPORTES DE RIBADEO O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o responsable da área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, comprometéronse nesta visita institucional, a aportar fondos para que o concello poida afrontar os gastos derivados da rehabilitación do vello pavillón de deportes. Durante a mañá, e acompañados do alcalde e do concelleiro responsable de xuventude e deportes, visitaron o vello pavillón de deportes para comprobar in situ o estado de conservación no que se atopan estas instalacións deportivas construídas fai máis de corenta anos e que precisan de obras que garantan a súa utilización para a práctica do deporte e condicións dignas.