Deputación de Lugo

Os parques provinciais de bombeiros centrarán a vindeira reunión entre o Presidente da Deputación e o Conselleiro da Presidencia

Gómez Besteiro recibirá a Méndez Romeu o vindeiro luns

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibirá oficialmente ó Conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, o vindeiro luns, unha visita na que se abordará a creación da rede de parques provinciais de bombeiros. O voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas, fixo este anunicio trala reunión da Xunta de Goberno dente venres. “Trátase dunha visita histórica, non só porque é a primeira do Conselleiro de Presidencia á Deputación de Lugo trala toma de posesión do novo goberno, senón pola transcendencia do asunto que se vai abordar, moi esperado polos habitantes da provincia desde hai anos”, dixo Gato Soengas. O voceiro socialista sinalou que despois das reunións que houbo nas últimas semanas entre técnicos provinciais e autonómicos, no encontro do luns “poderían tomarse xa algunhas decisións sobre cuestións como o financiamento dos futuros parques ou a súa ubicación. Cúmprese así un dos compromisos asumidos polo Presidente da Deputación no seu discurso de investidura”. Gato Soengas explicou que “a situación da provincia neste eido era dramática porque a proteccion dos cidadáns era moi deficiente, e a anterior Deputación era a responsable de que non funcionase ningún parque de bombeiros”. O voceiro do PSOE lembrou que “isto obrigou a moitos concellos a asumir a compra de material de primeira necesidade para poder atender as urxencias”. Antonio Gato tamén avanzou que nas vindeiras horas se fará efectivo o pagamento da débeda histórica que tiña contraída a Deputación de Lugo coa Confederación Hidrográfica do Norte, que ascendía 2,5 millóns de euros. Éste fora un compromiso asumido polo Presidente da Deputación na recente visita que fixo ó Pazo Provincial o presidente da CHN, Jorque Marquínez. Ademais, o actual goberno saldou outras débedas que arrastraba a institución provincial desde hai anos coa FEMP e a FEGAMP e que acadaban o 116.000 euros Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno adxudicou este venres tres obras incluídas no Plan Complemetario do POS 2007 nos concellos de Friol, Guitiriz e Rábade. As tres teñen un presuposto total de 173.590 euros. Os proxectos son de rehabilitación de pavimento en vías provinciais dos devanditos municipios. “O Plan complemetario do POS 2007 foi aprobado no pleno desta mesma semana, o que amosa a axilidade que se lles están a dar a estes asuntos”, afirmou Gato Soengas. O goberno provincial tamén aprobou o proxecto e a adxudicación das obras adicionais dun treito de preto de dous quilómetros da estrada entre Folgoso do Caurel e O Hospital incluído no Plan Operativo Local de 2005. Este proxecto adicional prevé unha maior distancia entre a vía e una casa, que no documento inicial era de un metro e medio, co obxectivo de garantir unha maior comodidade e seguridade no uso diario da vivenda. Por outra banda, realizaranse cambios nun cruce para mellorar a súa visibilidade e facilitar as manobras dos vehículos. As obras adicionais foron adxudicadas por 50.348 euros a Construcciones Carballeira S.L., a mesma empresa que está a executar a obra principal.