Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba a adxudicación do antigo Hotel Miño por un importe superior ós 960.000 euros

As Contas Xerais da Deputación, do INLUDES e da Sociedade Urbanística Provincial do ano 2006 foron outros dos asuntos aprobados

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou a adxudicación do antigo Hotel Miño por 962.000 euros. O novo propietario do inmoble será a sociedade mercantil Moexpa Grupo Inmobiliario, a única que concorreu á poxa convocada pola institución provincial. A proposta presentada por esta empresa supera en 20.191 euros o prezo de saída. O inmoble está ubicado na Tolda, no municipio de Lugo. O solar ten unha superficie de 2.793 metros cadrados. O antigo hotel está integrado por tres edificacións. Unha delas ten tres andares e está comunicada subterraneamente coa segunda, que consta de dúas plantas. A superficie total construída deste complexo é de 1.374 metros cadrados e ten 50 habitacións. O terceiro edificio ten un semisoto, planta baixa e primeira planta. Cada unha delas está destinada a unha vivenda. O prego de condicións da poxa establece que os ingresos obtidos do alleamento non poderán destinarse ó financiamento de gastos correntes. Un edificio rodeado de polémica A Deputación de Lugo comprou o antigo Hotel Miño en 1984 por 96 millóns das antigas pesetas. Esta operación suscitou unha gran controversia porque un dos seus copropietarios era o entón deputado provincial de Alianza Popular e membro do equipo de goberno, Manuel Rodríguez Granxeiro. O PSOE e Coalición Galega opuxéronse a esta venda por entender que era un despilfarro e vulneraba a lei. O caso chegou ós tribunais, e tras dúas sentenzas desfavorables por parte do Tribunal Superior de Xutiza de Galicia, o Tribunal Supremo ditaminou finalmente que a compra do edificio fora válida. O hotel foi adquirido co obxectivo de desconxestionar o psiquiátrico de San Rafael e convertirlo nunha residencia para persoas da terceira idade con enfermidades mentais. Sen embargo, este proxecto non se chegou a materializar. O edificio destinouse a residencia universitaria e mesmo chegou a acoller deportistas. Na actualidade o edificio leva varios anos pechado. Outros asuntos aprobados No Pleno tamén aprobáronse as Contas Xerais do Orzamento da Deputación provincial correspondentes ó ano 2006 que se saldaron cun resultado positivo que supera os 23.700.000 euros, así como, as do INLUDES e as da Sociedade Urbanística Provincial. No caso do Instituto de Desenvolvemento Económico de Lugo, estas arroxaron un saldo positivo de máis de 2.500.000 euros. Pola súa banda, SUPLUSA tivo un resultado negativo de 1.316.538 euros.