Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, recibiu a membros da directiva de Cantigas e Frores

Cantigas e Frores está a celebrar, ao longo deste ano, numerosos actos con motivo do seu 60 aniversario

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu na mañá de hoxe a membros da xunta directiva da Cantigas e Frores no seu despacho do Pazo de San Marcos. En representación da asociación cultural acudiron á entrevista o seu presidente, Eduardo Risco, e o director artístico, Bruno Villamor. Ámbolos dous, expuxéronlle ao vicepresidente primeiro da Deputación o traballo que está a realizar Cantigas e Frores no eido do música e do baile tradicional a través das súas escolas e obradoiros nos que na actualidade están a participar preto de dous centos de alunos e alunas. Tamén lle transladaron a Antón Bao, como responsable la Área de Cultura da Deputación, información sobre as actividades que Cantigas e Frores realiza de xeito periódico como o Festival de Cultura Tradicional ou xa arraigado Curso de Cultura Tradicional Galega, Bruno Villamor comentoulle os detalles sobre este curso que este ano cumpriu a súa 26 edición e que tódolos anos reúne en Lugo, durante a semana santa, a máis dun cento de persoas vencelladas á cultura tradicional galega procedentes de distintos puntos do país, do estado e de centros galegos de todo o mundo. Antón Bao manifestou, nesta entrevista, o interese Área de Cultura da Deputación de Lugo por apoiar aos colectivos asociativos que desenvolvan actividades a prol da cultura galega. Ao respecto das accións concretas que a Área de Cultura da Deputación porá en marcha para apoiar ao tecido asociativo que traballa en Lugo pola música e o baile tradicional, Bao comentou que “dende a área de cultura pulamos pola normalización da nosa música na sociedade, ben a través das liñas de axudas que contemplan os orzamentos da Área de Cultura, ben a través de convenios que fomentarán a presenza da música tradicional nas festas das vilas e parroquias de Lugo”. UNHA CELEBRACIÓN DO 60 ANIVERSARIO CHEA DE ACTOS A Asociación Cultural Cantigas e Frores preparou para este ano unha chea de actividades para conmemorar o 60 aniversario da súa creación, cando en 1948, se fusionaron as corais Cantigas e Aturuxos e Frores e Silveiras. Ambas agrupacións procedían da excisión do “Orfeón Galego” que dirixía o mestre Xoán Montes. Para este 60 aniversario Cantigas e Frores programou un encontro de corais, unhas xornadas sobre a cultura galega e o programa de actuacións Cantigas cos nosos maiores no que diferentes grupos da asociación cultural levan as súas actuacións aos centros de maiores da comarca de Lugo. Tamén organizaron un festival de escolas de música e baile tracional no que participaron grupos e asociaóns de distintas comarcas de Lugo. Ademais no mes de setembro haberá un Gala do 60 aniversario no que participarán persoas que ao longo destes 60 anos formaron parte dos diferentes grupos da asociación.