Deputación de Lugo

A transparencia e o diálogo rexerán a politica de persoal do novo equipo de goberno da
Deputación de Lugo

Os representantes dos traballadores reuníronse co Presidente da Deputación e o Deputado de Réxime Interior e Persoal

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse esta mañá cos presidentes da Xunta de Persoal, Manuel García Abelleira, e do Comité de Empresa, José Domínguez Fernández. Ésta foi a primeira toma de contacto do máximo responsable provincial cos representantes dos traballadores desde a constitución dos devanditos órganos de representación o pasado 21 de setembro. A continuación, García Abelleira e Domínguez Fernández entrevistáronse co Deputado da área de Réxime Interior e Persoal, Melchor Roel, para avanzar os principais temas que se tratarán nos próximos meses. O responsable de Persoal afirmou que o actual equipo de goberno persegue unha total transparencia en política de persoal e unha relación de normalidade cos representantes sindicais. “Diálogo, negociación e resolución serán os tres eixos sobre os que xirará a relación cos representantes dos funcionarios e do persoal laboral”, dixo Melchor Roel, quen tamén anunciou que proximamente manterá encontros con todos os sindicatos presentes nos órganos de representación dos traballadores. Na reunión de hoxe acordaron comezar a negociación pola transferencia dos hospitais de San Rafael e San José, para o que se fará unha valoración dos postos de traballo e dos custes económicos. Segundo Roel “para garantir a maior transparencia constituirase unha comisión na que estarán presentes dous representanes da Xunta de Persoal e outros dous do Comité de Empresa. Cada un deles será dun sindicato diferente para que todos estean presentes.” Mensaxe de tranquilidade O Deputado de Persoal quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todos os traballadores afectados pola Oferta de Emprego Público de 2007. Melchor Roel anunciou a constitución doutra comisión “na que se analizarán unha por unha todas as convocatorias”. Melchor Roel dixo que se respetarán os dereitos adquiridos e “se tentará acadar unha saída negociada, aínda que sempre respetado os tempos xurídicos”. Os presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa fixeron un balance positivo do encontro. Para Manuel García Abelleira o máis importante é acadar acordos a través do diálogo. Pola súa banda, José Domínguez Fernández dixo que “comeza unha nova etapa cun novo goberno e hai boa vontade para resolver pequenos problemas”.