Deputación de Lugo

A Deputación asinará un protocolo de colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galiza

A través deste protocolo a Deputación contribuirá ao funcionamento dos centros Quérote dependentes da dirección xeral de xuventude

A vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social, Mª Xosé Vega, comunicou, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno, a aprobacion dun protocolo xeral de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza e a Deputación de Lugo. Este protocolo estará vixente dende o momento da súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2008. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, promove actividades de formación e asesoramento encamiñadas a que as persoas aprendan a coñecerse, aceptarse, vivir e expresar a súa erótica de xeito satisfactorio e saudabel. Estas iniciativas da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar concretáronse na creación dos centros Quérote. Os centros Quérote, Centro de Asesoramento Afectivo-Sexual, teñen por misión promover a saúde sexual impulsando servizos asistenciais, de asesoramento e de carácter informativo no tocante a actitudes afectivas, cognitivas e condutuais. Nos centros Quérote infórmase, asesórase e aténdese a mozos e mozas en temas de anticoncepción ou sobre as Enfermidades de Transmisión Sexual e intérvense para lograr un aumento da autoestima e dos niveis de satisfacción afectivo-emocionais e sexuais, centrándose no desenvolvemento sexual saudábel e de relación ingualitarias e para iso achégase información para posibilitar un maior autocoñecemento corporal, afectivo e sexual. Este protocolo de colaboración ten por obxecto definir os termos xerais nos que a Deputación de Lugo apoiará as accións do Goberno Galego dirixidas á realización de actividades de educación e asesoramento afectivo sexual, destinadas en especial ás mulleres novas. Segundo sinalu a vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social, a nacionalista Mª Xosé Vega “este protocolo permitirá que as accións impulsadas pola vicepresidencia da Xunta de Galiza, en materia de xuventude e benestar, conten co respaldo orzamentario da Deputación e poidan achegarse a todos os concellos das comarcas de Lugo.” PROMOCIÓN E ACTIVIDADES NOS CONCELLOS A Deputación materializará este protocolo de colaboración cunha achega de 40.000 euros que irán destinados á promoción dos centros Quérote. Esta promoción centrarase principalemente e difundir a través de campañas publicitarias a existencia dos centros Quérote de Lugo e Burela e, ao mesmo tempo, dar a coñecer as funcións desempeñadas por estes centros e os servizos que os cidadáns poden atopar neles. A Deputación, a través da Área de Benestar Social, que dirixe a nacionalista Mª Xosé Vega, promoverá actividades que os centros Quérote desenvolverán en distintos concellos das comarcas de Lugo. Estas actividades teñen por obxecto achegar, aos habitantes dos distintos concellos de Lugo, formación e asesoramento que contribuan a mellorar os a calidade de vida dos cidadáns no relativo as cuestións afectivo-emocionais e sexuais que tanto preocupan a sectores da pobación como son os xóvenes e as mulleres.