Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibiu ós investigadores en comunicación que participaron no Congreso I+C

Gómez Besteiro destacou a importancia dos medios de comunicación para que os cidadáns coñezan o que fan as institucións

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro recibiu este sábado ós investigadores máis destacados en comunicación que participaron no Congreso Investigar a Comunicación celebrado desde o 30 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Gómez Besteiro destacou a importancia do simposio no que se pon de relevo a necesidade de potenciar a investigación da comunicación nos distintos eidos ó tempo que se incide na importancia de crear redes de intercambio de información entre investigadores. Máis de 500 investigadores en comunicación participaron no Congreso e expuxéronse preto de 300 publicacións referidas ó ámbito científico desta disciplina. Gómez Besteiro incidiu na relación que manteñen a política e os medios de comunicación. “Desde que o novo equipo de goberno tomou posesión quixemos abrir esta institución a todos e a todas para reivindicar que as Deputacións deben estar ó servizo dos Concellos e para que os cidadáns coñezan que é o que se fai desde esta institución”. O máximo mandatario provincial, que deu a noraboa ós participantes por constituir a primeira Asociación Española de Investigadores en Comunicación, incidiu na necesidade de formar ós profesionais nas novas tecnoloxías ó tempo que lembrou que “na Deputación contamos coa Fundación TIC. Deste esta entidade formamos a futuros profesionais e, por tanto, estamos contribuíndo a crear nicho de mercado. Deste xeito, queda claro que a comunicación será unha das alianzas estratéxicas para os próximos catro anos”. Os congresistas pecharon a súa estancia en Lugo cun paseo polo adarve da Muralla e cunha visita guiada ó Mazo de Santa Comba. Gómez Besteiro, que se referiu ó medio ambiente como outro dos obxectivos da Deputación, desexoulles unha boa estancia na provincia “na que o 55% do territorio xa é Reserva da Biosfera”, o que pon de relevo, “que Lugo ten futuro”. No acto de clausura tamén participaron a Vicepresidenta da Asociación Española de Investigación da Comunicación, Margarita Ledo Andión, Teresa Quirós, Presidenta da Asociación Latinoamericana de Facultades de Ciencias da Comunicación, Carmen Carafell, Directora do Instituto Cervantes e Profesora da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Miguel Túñez López, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e Fernando Salgado García, Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.