Deputación de Lugo

Francisco Río Barja recibe o Premio Otero Pedrayo 2007 na Deputación de Lugo

Gómez Besteiro referiuse ó galardoado como un dos “impulsores da xeografía en Galicia”

O humanista e xeógrafo Francisco Río Barja recibiu este xoves o Premio Otero Pedrayo 2007 no Salón de Plenos da Deputación de Lugo. O titular do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu o acto no que tamén participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao Abelleira, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez. O premio, dotado de 30.000 euros, estivo organizado nesta edición pola Deputación de Lugo. Neste senso, Gómez Besteiro, amosou a súa satisfacción porque o galardón se celebrase no Pazo de San Marcos e recaese “nun lugués querido e recoñecido profesionalmente”. O acto contou coa presenza de preto de 100 persoas entre as que se atopaban membros da Corporación provincial e outras personalidades políticas, das artes, das letras e das ciencias de Galicia. O máximo mandatario provincial entregoulle o Certificado Oficial de Concesión, o talón nominativo e o diploma acreditativo a Francisco Javier Río Barja, ó que se referiu como “un dos impulsores do estudo da xeografía en Galicia e autor de obras de grande importancia para o seu coñecemento”. O premiado foi compañeiro e continuador da teoría xeográfica e humanista do escritor ourensán Otero Pedrayo. Neste senso, o titular da Deputación indicou que “moitos lle temos sana envexa porque tivo a oportunidade de ser discípulo do gran Otero Pedrayo, canta sabedoría nos deixou nos seus libros o escritor ourensán alcumado como Patriarca das Letras Galegas” . Convocado cada ano por unha das catro Deputacións galegas, o galardón resalta a figura e obra dos escritores e autores que traballan pola defensa da cultura galega. “Desde a Deputación queremos abrir esta institución a todos os que como vostede traballan a favor da nosa cultura, xa que non podemos esquecer que lingua e cultura son dous elementos indisociables que nos identifican como persoas”, subliñou Gómez Besteiro quen destacou que “entre todos debemos Sumar Esforzos, dado que a preservación da nosa identidade e da tradición herdada é cousa de todos. A mín gústame dicir que o ano 2008 é o Ano da Suma, polo que con actos coma este estamos entrando con bo pé no vindeiro ano”. Na súa intervención, Francisco Javier Río Barja referiuse especialmente á faceta do seu mestre Otero Pedrayo como xeógrafo. O Premio Otero Pedrayo 2007 rematou cunha cea de gala no Salón Absidal do Pazo Provincial. Recepción ó homenaxeado O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ó galardoado no seu despacho nun acto no que tamén estivo presente o Vicepresidente Primeiro do organismo provincial, Antón Bao. Gómez Besteiro fíxolle entrega dunha reproducción en miniatura dunha “zanfona”, instrumento realizado por artesáns da provincia para o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.