Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asina a renovación do convenio de financiamento do CITT

No acordo tamén participan a USC, Caixa Rural, a CEL e a Cámara de Comercio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou o compromiso da institución provincial co campus de Lugo durante o acto de sinatura de renovación do convenio de colaboración para o financiamento dunha parte da actividade desenvolvida no Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo. O convenio tamén foi asinado polo reitor da USC, Senén Barro, o presidente de Caixa Rural, José María Pardo Montero, e o secretario da CEL, Jaime López Vázquez. No acordo participa, ademáis, a Cámara de Comercio. Achegan un total de 57.094 euros. Gómez Besteiro dixo que “a Deputación colabora e seguirá colaborando coa Universidade sobre todo en ámbitos como o que se refire este acordo que é a conexión entre a tecnoloxía, a universidade e a empresa”. O titular provincial sinalou que “debemos pensar no futuro da nosa provincia no só como unha sociedade subsidada, senón tamén como unha sociedade produtiva, e para acadar este obxectivo, a administración debe colaborar coa iniciativa privada que, polo peso dos investimentos é, con moito, a que move este país”. Este convenio vense renovando anualmente dende o ano 1995, cando foi concretada a construcción do CITT co obxectivo de establecer un servizo que relacionara as demandas específicas en materia de investigación en xeral, e da investigación aplicada en particular, no marco do Campus lugués. O Presidente provincial destacou que “a confianza establécese con convenios como este que duran no tempo” A través dunha Comisión de Seguimento, ano a ano, representantes das cinco institucións supervisan esta parte do financiamento, que está destinado a custos de material, persoal e mantemento, así como á promoción de actividades de investigación tecnolóxica e a fomentar a conexión efectiva neste campo entre a Universidade, as empresas e a sociedade en xeral. As contribucións económicas distribúese de xeito desigual. Caixa Rural Galega achegará 39.065 euros; a Deputación 9.015 e as outras dúas entidades 4.507 cada unha. Pola súa banda, a USC ocúpase do mantemento do centro en gastos correntes e da dotación de locais e material informático. A contía concedida por cada institución é a mesma que no ano anterior e foi aprobada nunha reunión da Comisión de Seguimento do convenio, celebrada no mes de xaneiro e na que se deu conta do resultado económico do centro, onde se contabilizaron ingresos por 6.854.631 euros, sen incluír as subvencións habituais de proxectos europeos e fondos FEDER.