Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acollerá a entrega do premio literario “Otero Pedrayo” 2007 a Francisco Javier Río Barja

Imaxe deputación de lugo
O galardón dotado con 30.000 euros está convocado polo organismo lugués

O Salón de Plenos da Deputación de Lugo acollerá o vindeiro día 20 a entrega do premio literario “Otero Pedrayo” 2007 que este ano recae no humanista e xeógrafo lugués Francisco Javier Río Barja. Organizado esta edición pola institución luguesa e convocado cada ano por unha das deputacións galegas, está dotado de 30.000 euros. O xurado destacou o traballo deste académico da Lingua Galega e da Academia das Ciencias como continuador do gran Otero Pedrayo. A entrega do premio realizarase o día 20 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. Ó acto están conviados máis de 100 persoas entre as que se atopan o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a Presidenta do Parlamento de Galicia, María Dolores Villariño, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, membros da Corporación Provincial, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, ademais doutras personalidades políticas, das artes, das letras e das ciencias de Galicia. Con este premio preténdese resaltar a figura e obra deste literato contribuíndo ó mesmo tempo á exaltación da cultura galega promocionando os seus valores e ós escritores que traballan pola defensa da nosa cultura. Vida e Obra Discípulo e compañeiro de Otero Pedrayo, Francisco Javier Río Barja é continuador da teoría xeográfica humanista do escritor ourensán. Naceu en Lugo en 1919 e vive en Santiago de Compostela. É catedrático de Xeografía pola Universidade de Compostela. Ten estudos de Dereito, Filosofía e Letras e Xeografía e Historia. Membro da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da Academia de Ciencias de Galicia e do Instituto Galaico-Miñoto, foi director do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” durante os anos 1978 e 1994. Entre os numerosos premios e distincións que ostenta destacan os Premios Galicia de Investigación, das Artes e das Letras e Castelao da Xunta de Galicia; Trasalba da Fundación Otero Pedrayo; Ramón Mourente de Periodismo, Premio do Ministerio de Información e Turismo; Premio Valle Inclán e Alfredo Brañas do Centro Galego de Bos Aires. Francisco Javier Río Barja tamén foi galardoado con un estudo sobre a Terra Chá pola Deputación de Lugo. Da súa extensa bibliografía destacan tamén documentais sobre rexións naturais galegas realizados en colaboración con Consello da Cultura Galega e emitidos pola Televisión de Galicia. Coordinador de 5 tomos sobre “Geografía de Galicia” (Proxecto de Galicia) é tamén autor doutras publicacións como: “Bibliografía económica de Galicia” (1960); “Didáctica da xeografía” (1981); “Cartografía xurisdicional de Galicia no século XVIII” (1989); “Os ríos galegos. Estudio de morfología e réxime” (1992); “Galicia, esa descoñecida” (2001).